Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación participou no acto no que se rendiu homenaxe ós traballadores voluntarios da pranta de Alcoa de San Cibrao

O acto estivo presidido polo Presidente da Xunta de Galicia quen sinalou que a acción voluntaria contribúe á riqueza económica de Galicia

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, participou este mércores ó acto no que se rendiu homenaxe ós máis de 700 traballadores voluntarios da pranta de Alcoa. O acto estivo presidido polo Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Precisamente, o máximo mandatario galego, eloxiou o labor de voluntariado social que promove a empresa Alcoa e dixo que esta factoría se sitúa “na vangarda da responsabilidade social corporativa”. Pérez Touriño presidiu en Cervo o acto de homenaxe ós voluntarios desta empresa, onde salientou que “só no que vai de ano, máis de 700 traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao emprenderon labores de voluntariado nos que prestaron preto de 48.000 horas de traballo para beneficio da comunidade”. Neste senso, asegurou que o voluntariado “constitúe un acto de contribución á riqueza económica e social de Galicia” e supón un auténtico “motor de cambio e transformación social”. O titular do Goberno galego destacou, ademais, que estes labores de voluntariado contaron “co apoio económico da empresa”, que contribuíu á súa realización mediante unha achega de 150.000 euros aproximadamente. “Son actuacións como estas as que sitúan os traballadores de Alcoa á cabeza do voluntariado, co maior número de horas de servizos prestados”, considerou Touriño quen engadiu que “Alcoa se converteu na empresa española que máis recursos económicos achega en apoio destas actividades”. Xunto a isto, o máximo mandatario galego eloxiou o traballo realizado por Alcoa en favor do medio ambiente con “proxectos de melloras ambientais para previr a contaminación e favorecer a redución de contaminantes”, ao tempo que promove “a implantación das melloras técnicas dispoñibles” neste ámbito concreto. Motor de cambio e transformación social Paralelamente, Emilio Pérez Touriño destacou que esta acción “voluntaria, altruísta e solidaria” de moitos traballadores repercutiu favorablemente “na mellora das condicións de vida das comunidades beneficiarias desta acción”. Este conxunto de accións contribuíu tamén, en opinión de Touriño, a “promocionar e articular unha cultura social na que priman valores como a solidariedade, o traballo colectivo e a colaboración en beneficio dos intereses do país”. O presidente da Xunta considerou, ademais, que “os voluntarios de Alcoa son motor de cambio e transformación social” e impulsan “o novo modelo de sociedade que queremos para o noso país”. “Por todo isto quero felicitar tanto á empresa como aos traballadores pola súa implicación na mellora dunha sociedade da que poidamos sentirnos cada día máis orgullosos”, concluíu Touriño. Visita ás instalacións Durante a súa visita á fábrica Alcoa-San Cibrao, o presidente da Xunta tivo oportunidade de manter xuntanzas de traballo co presidente de Alcoa España e da Unidade de Negocio Primario en Europa, así como co Comité de Dirección de Empresa e cos membros do Comité de Empresa, nas que puido coñecer de primeira man os plans de futuro da factoría e os últimos avances e medidas tomados en materia de seguridade laboral. Así mesmo, fixo un percorrido polas instalacións de Alcoa-San Cibrao e, concretamente, percorreu as dependencias de aluminio e a zona portuaria.