Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación presentou os cursos de outono de cestería 2007

Durante a presentación, o artesán Carlos Fontales construiu unha cesta de vimbio

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este xoves os cursos de outono de cestería 2007 no lugar no que se van impartir: no Centro de Cestería situado no paseo do Rato de Lugo. Cun orzamento de 25.000 euros a cargo do Centro de Artesanía e Deseño e unha capacidade para 8 persoas por curso, impartiranse un total de 6 talleres no último cuatrimeste do ano 2007. A Vicepresidenta Segunda destacou que o obxectivo destas actividades é “recopilar as técnicas tradicionais de cestería da provincia de Lugo e doutros puntos de Galicia para logo dalas a coñecer, conseguindo así que a tradición e os oficios máis antigos non desaparezan”. Os talleres están orientados a cesteiros profesionais, floristas, artesáns do textil, empresas de medioambiente, etc. Cada edición destaca polo seu carácter innovador, xa que, non repite ningunha técnica conseguindo que a aprendizaxe e a especialización sexa cada vez maior. “Cada curso supón un paso adiante na aprendizaxe adquirida”, sinalou Lara Méndez. Os cursos son moi económicos. A cantidade a pagar vai dende 1 a 3 euros por hora, segundo o grao de complexidade: iniciación, perfeccionamento e especialización. Para apuntarse, os interesados teñen que poñerse en contacto co Centro de Cestería chamando ó número de telefóno 982 21 00 66. A selección establecerase en función da orde de chamada e o prazo de inscrición rematará dous días antes de que se inicien os cursos. Divididos en cursos de inverno, primavera, verán e outono, os participantes reciben da Deputación de Lugo todos os elementos necesarios para a súa elaboración. Deste xeito, os asistentes terán a oportunidade de traballar con materiais propios da provincia como as láminas de castiñeiro, cerdeira, salgueiro ou bidueiro, pero tamén con outros foráneos, como o esparto ou o palmito, materiais estes últimos que son típicos dos lugares mediterráneos. Precisamente, os participantes desta edición poderán fabricar cestos con xuncos, un dos materiais máis interesantes e valorados polos especialistas co se elaboran “corazas”, capas empregadas polos pastores de Galicia. O xunco é típico da provincia de Lugo e, en xeral, de Galicia, motivo polo que este material é reclamado por expertos de toda España que, interesados polas súas características, xa se puxeron en contacto co Centro lugués para coñecer as súas propiedades e o proceso de elaboración. Os cursos contan cun amplo programa abordando todo tipo de técnicas relacionadas coa manipulación de materiais vexetais cos que se poderán elaborar cestos de capelo longo, de “pelapatacas” catalán, de cogumelos ou mesmo unha barril de eira” (cantimplora leonesa fabricada con vimbio). Neste senso, Lara Méndez, adiantou que o Centro xa está a traballar na investigación de metodoloxías máis vangardistas como a da artesana inglesa “Lois Walpole”, artista que traballa con materiais recliclados aplicados á cestería. O Centro de Cestería xa expuxo varios traballos da artista londinense. A súa técnica máis novidosa é a de “mimbre en vivo” na que, coa pranta en terra, a artista vaille dando forma para que, co paso do tempo, apareza a peza desexada. Visita ó Centro de Cestería Logo da presentación, a Vicepresidenta da Deputación de Lugo, presentou ós xornalistas o funcionamento do Centro de Cestería. Lara Méndez visitou a aula de formación onde se desenvolve un dos cursos, ó tempo que puido comprobar cal é o proceso a seguir para a construción dos cestos. Malia que o Centro de Cestería abriu as súas portas no ano 2005, o Centro de Artesanía e Deseño vén realizando actividades deste tipo practicamente desde o ano 1994.