Deputación de Lugo

A enerxía eólica, protagonista por primeira vez en Km0

Escolares de Lugo e de Sarria coñecerán o parque eólico de Sotavento e a ría de Ribadeo dentro do programa da Deputación

O parque eólico de Sotavento, en Xermade, será visitado por primeira vez dentro programa de visitas institucionais e mediombientais Km0 que promove a Deputación. A Vicepresidenta Segunda do organismo provincial, Lara Méndez, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a un grupo de alumnos do CEIP Rosalía de Castro de Lugo que elexiu a ruta do parque eólico. O itinerario incluíu unha visita ó Centro de Artesanía e Deseño, dependente da institución provincial, e á fonte de augas mediciñais Alligal, no Concello de Vilalba. Os estudantes descobriron a charca que se atopa en plena natureza, e que se caracteriza pola súas augas de bicarbonato-cálcico e de moi débil mineralización. O mércores e o xoves, serán alumnos e profesores do Colexio da Asunción de Sarria os que participaren no programa de visitas institucionais e mediombientais que promove a Deputación. O grupo de mañá coñecerá a oleiría de Bonxe, considerada a máis antiga de Galicia, xunto coa de Gundivós, en Sober. Ademais de coñecer o proceso de elaboración de distintas pezas elaboradas con arxila branca como cuncas, pratos, sellas e viradeiras, visitarán a Torre do Castelo dos Andrade, así como o Museo Arqueolóxico de Vilalba. Por último, o xoves outro grupo do centro educativo sarriano coñecerá a Produtora da Fundación TIC, onde comprobarán como nace e se desenvolve un produto televisivo. Ademais, farán unha travesía pola ría da Ribadeo e visitarán o convento de Santa Clara e o Centro de Cultivos Mariños, ubicados na localidade mariñana.