Deputación de Lugo

A Deputación acolle unha xornada sobre control dos fondos europeos acadados para o periodo 2007-2013

Imaxe deputación de lugo
O encontro contará cun dos maiores expertos en Europa sobre financiación europea, o Xefe de Fondos Comunitarios do Ministerio de Economía, Faustino Sobrino

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará este xoves, ás 11:00 horas, a “Xornada informativa dos Fondos Europeos no marco do programa operativo de Galicia 2007-2013” que se desenvolverá no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. O encontro contará cun dos maiores expertos en Europa en financiación europea, o Xefe da Área de Control da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Economía e Facenda, Faustino Sobrino Panizo. A entrada será libre. No transcurso do encontro, ó que asistirán tamén interventores e secretarios, ademais doutros traballadores da administración local da provincia, exporanse o principais proxectos que está a poñer e marcha a Deputación e para os que o organismo provincial conta con financiación europea. Deste xeito, explicaranse as principais liñas de actuación do Innova-TE Lugo, dotado con máis de 9 millóns de euros. Trátase dun proxecto que está destinado a todos Concellos da provincia e pretende reforzar a cohesión territorial da provincia, fomentando a aplicación das novas tecnoloxías e a innovación no ámbito administrativo e empresarial para conseguir a integración dos cidadáns e das empresas na Sociedade da Información. O outro proxecto para o que a Deputación conseguiu captar financiación europea é o Lug02. Dotado con 5 millóns de euros, persegue o desenvolvemento dos Concellos incluídos nos espazos naturais protexidos da provincia a través da posta en valor dos recursos naturais existentes e da sensibilización medioambiental dos habitantes e visitantes desde unha perspectiva de sostibilidade, participación cidadá e innovación. A Deputación de Lugo acadou 2,7 millóns de euros de fondos europeos para a posta en funcionamento do proxecto Lugo-Pacto Provincial polo Emprego, promovido e impulsado polo INLUDES. Este foi o primeiro dos proxectos concedidos polo MAP a través do programa de axudas do Fondo Social Europeo para o periodo 2007-2013. Este proxecto conta un presuposto total de 4.061.533 euros. Os seus obxectivos son: promover a inclusión social e a inserción sociolaboral dos colectivos máis desfavorecidos; implementar actuacións que favorezan o emprego estable e de calidade contribuíndo ó desenvolvemento económico da provincia; fomentar a colaboración e cooperación dos distintos axentes instituacionais, económicos e sociais (empresas, administracións, Universidade…) para establecer políticas de emprego na provincia; e promover a igualdade de xénero e de oportunidades.