Deputación de Lugo

Gómez Besteiro inaugura a cuberta-esceario da área recreativa de Outeiro de Rei executada pola Deputación

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial achegou 12.000 euros para esta infraestrutura incluída no Plan de Comunidades Veciñais de 2008

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este venres a cuberta-esceario que o organismo provincial acometeu na área recreativa de Penas de Rodas, en Outeiro de Rei. Deste xeito, Gómez Besteiro, dá cumprimento á petición da Asociación Cultural que solicitou á Deputación unha subvención para a execución desta infraestrutura. A cuberta-esceario será utilizada para as actividades que terán lugar nesta área recreativa co motivo da romería de Penas de Rodas que se celebrará o 2 de agosto. O titular provincial, que estivo acompañado do Alcalde, José Pardo Lombao, de membros da asociación e de veciños da zona, destacou que “coa aportación da Deputación, agora xa non hai que improvisar o esceario con distintos materiais como en anos anteriores”. A este respecto, indicou que “para nós é unha satisfacción colaborar con veciños de Outeiro de Rei. Agora dispoñen dunha infraestrutura tal e como requiren eventos deste tipo nos que se fan representacións de obras teatrais, actuacións de grupos Folk, baile rexional ou maxia”. A obra está totalmente rematada e inclúese dentro do Plan de Comunidades Veciñais de 2008. Supuxo un custe de 16.000 euros, dos que o organismo provincial achegou 12.000. Trátase dunha cuberta a unha auga, de 10 por 5 metros de pranta, de madeira laminada con tratamento para exteriores e aplicación de barnices. Leva un taboleiro de 20 milímetros de espesor e está realizada con pizarra do país.