Deputación de Lugo

A Deputación aposta polas novas tecnoloxías para a integración das persoas discapacitadas

Imaxe deputación de lugo
Regina Polín participa na presentación da xornada Novas Tecnoloxías, discapacidade e empresa

A Deputada de Economía, Regina Polín, destacou o compromiso da Deputación coas persoas que sufren algún tipo de discapacidade durante o acto de presentación da xornada Novas tecnoloxías, discapacidade e empresa que organiza a Fundación CEL-Iniciativas por Lugo e que se celebra este xoves na Facultade de Humanidades. Regina Polín tamén subraiou a aposta do organismo provincial polas novas tecnoloxías a través do programa europeo Innova-TE, no que se investen nove millóns de euros. “Un dos obxectivos desta iniativa é a implantación da E-administración, que supoñerá un avance sustancial na relación entre a Administración Local e os veciños dos Concellos da nosa provincia, e moi especialmente, coas persoas que teñan algún tipo de discapacidade, que deste xeito poderán realizar todo tipo de trámites administrativos a través da rede, sen necesidade de desprazarse ó Concello ou a Deputación”. No acto, no que estivo acompañada polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Secretaria Xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, o presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, o Vicerreitor do campus de Lugo, Carlos Herrero, e o responsable da Obra Social de Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez, a Deputada de Economía felicitou á Fundación CEL por esta iniciativa e loubou o traballo que está a desenvolver COGAMI en prol da integración deste colectivo. Arredor de 150 inscritos asisten a esta xornda na que se destaca o papel que desempeñan as TIC na integración laboral das persoas con discapacidade, tanto na empresa ordinaria como a través da fórmula do autoemprego, para o que é importante contribuír a unha maior difusión das novas canles e ferrementas adaptadas dipoñibles para que sexan máis afectivas.