Km0 Xtreme estará presente no “Arde Lucus” cun stand na Praza Maior de Lugo
A nova oferta do programa medioambiental Km0, denominado Km0 Xtreme estará presente no Arde Lucus cun stand na Praza Maior de Lugo. O posto estará aberto ó público desde o venres ata o domingo, durante os tres días de celebración desta festa nos que se prevé a chegada de milleiros de visitantes á cidade de Lugo. Grazas a esta iniciativa, a Deputación facilitará información sobre as 14 novas rutas que poñerán en valor as Reservas da Biosfera a través do deporte e a multiaventura. O vindeiro 1 de setembro empezará a segunda etapa deste programa, no que se pasará das 88 rutas actuais a 135. Ademais, darase a coñecer a todos os interesados o procedemento para apuntarse. Deberán entrar na web: www.km0.deputacionlugo.org e descargar a folla de inscrición. Unha vez cuberta, deberán enviala á dirección de correo electrónico km0@deputacionlugo.org, por fax ó 982 26 01 70, ou por correo ordinario ó Servizo de Protocolo (rúa San Marcos 8, 27001 Lugo). Rutas desta semana en Km0 Os Codos de Belesar e a igrexa románica de Diamondi, na comarca do Saviñao, serán visitados por primeira vez dentro do programa Km0. Ademais, nesta cuarta semana de xuño inclúense rutas ós Canós do Sil e á Ría de Ribadeo. En total, preto de 130 veciños de Foz, Sober e outros Concellos da provincia participarán nesta iniciativa promovida pola Deputación para dar a coñecer o noso patrimonio medioambiental e favorecer a nosa economía. Un grupo de 55 persoas pertencentes á Escola Municipal de Sober foi recibido este martes no Pazo de San Marcos. A ruta elexida incluíu unha visita ó Centro de Artesanía e Deseño. A continuación, desprazáronse ó Concello de Ribadeo para visitar o Centro de Cultivos Mariños, realizar unha traesía marítima pola ría e visitar o Convento de Santa Clara. A comarca do Saviñao será mañá o destino de Km0. Participará un grupo de 36 solicitantes individuais que, en primeiro lugar, coñocerán as ínsuas do Miño. Despois visitarán a igrexa de Diamondi, unha das xoias do románico da nosa provincia, e desde aí realizarán unha ruta de sendeirismo polos Codos de Belesar ata chegar ó pobo do mesmo nome. Por último, o xoves 36 membros do Club Náutico de Foz realizarán unha travesía en catamarán polos Canós do Sil. Aproveitarán a súa visita á Ribeira Sacra para degustar viño nunha das adegas da zona. A ruta tamén inclúe unha visita ó Mazo de Santa Comba.