Deputación de Lugo

SUPLUSA adquire os primeiros terreos do futuro polígono industrial de Pedrafita

En total 6.500 metros cadrados que supoñen o primeiro paso do proceso de construción da área industrial

A Sociedade Urbanística Provincial, SUPLUSA, xa está en posesión dos primeiros terreos nos que está previsto construír o futuro polígono industrial de Pedrafita do Cebreiro. En total, 6.500 metros cadrados, que supoñen o primeiro paso para que a área industrial do municipio da montaña luguesa sexa unha realidade. A escritura das parcelas produciuse este luns no Pazo de San Marcos, e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, entregou ós particulares o cheque correpondente da compra. A adquisición das parcelas, para a que a Deputación achega 15.720 euros, foi posible grazas a que o Concello dispón da aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal, requisito imprescindible para que a Sociedade Urbanística Provincial poida acometer o proceso de construción da área industrial. Deste xeito, Concello e Deputación dan viabilidade ó compromiso contraído na visita realizada polo máximo mandatario provincial a principios de abril ó Concello de Pedrafita, de iniciar os trámites para levar a cabo a construción do polígono industrial na zona sur do núcleo do municipio, na marxe esquerda da estrada autonómica LU-633, lugar considerado por SUPLUSA como idóneo e que permite, con obras de escasa complexidade, dotalo de servizos urbanísticos necesarios para que a nova Área Industrial cumpla coas súas expectativas. O polígono contará cunha primeira fase de construción de 20.000 metros cadrados, que podería verse ampliada en función da demanda de parcelas. A Sociedade Urbanística Provincial seguirá mantendo contactos co resto dos propietarios para adquirir a totalidade dos terreos.