Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación visita oficialmente os Concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz

O Alcalde de Negueira de Muñiz cualificou de “fito histórico” a visita de Gómez Besteiro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, continúa a rolda de entrevistas cos Alcaldes da Provincia. Hoxe trasladouse ós Concellos de Negueira de Muñiz e A Fonsagrada para coñecer de primeira man as principais demandas desta zona da montaña lucense. O Concello menos poboado Tralos encontros cos rexedores dos tres Concellos máis poboados da provincia: Lugo, Monforte e Vilalba, no é casualidade que o máximo responsable da institución provincial decidise reunirse en cuarto lugar co Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda. Este Concello, con aproximadamente 213 habitantes, é o que ten menos poboación da provincia. O Presidente da Deputación dixo que nesta zona limítrofe con Asturias “non se pode estar de espaldas ó Principado”. Gómez Besteiro asegurou que é necesario “manter relacións co goberno asturiano para optimizar recursos en cuestións como a promoción turística ou coordenar actuacións durante o inverno”. O máximo responsable da institución provincial interesouse especialmente polo encoro e polo sector vinícola, moi importante neste Concello. “Fito histórico” O Alcalde de Negueira de Muñiz cualificou de “fito histórico” a visita de José Ramón Gómez Besteiro ó Concello que “estivo totalmente abandonado polo anterior goberno provincial”. Na reunión de traballo que mantivo co Presidente, Braña Pereda solicitou, entre outras medidas, melloras na rede provincial de estradas e axudas para a adquisición de maquinaria de obras públicas e para a promoción turística da zona. Tamén reclamou unha coordenación con outras Administracións para solventer os problemas que provoca a neve durante o inverno. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, foi recibido polo Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda, nunhas dependencias municipais provisionais, xa que a Casa Consistorial está en obras. Alí, foi presentado oficialmente ós membros da Corporación Municipal e mantivo unha reunión de traballo co rexedor. Gómez Besteiro entregou a Braña Pereda unha peza de cerámica do Centro de Artesanía e Deseño e unha bufanda de seda artesán deseñada polo CENTRAD. O máximo responsable da Deputación tamén visitou o Centro Social de Negueira de Muñiz, que conta cun Telecentro con acceso a internet, e a Área Recreativa que está ó carón do encoro. Gómez Besteiro achegouse a varios negocios da vila e saudou ós veciños polos que foi moi ben recibido. Negueira de Muñiz, cunha superficie de 72,3 quilómetros cadrados, tan só ten oito nenos no colexio e é o único Concello da provincia que non está conectado a ningunha estrada da rede autonómica. Visita á Fonsagrada A continuación, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, trasladouse ó Concello da Fonsagrada. Foi recibido na Casa Consistorial polo Alcalde, Argelio Fernández, e presentado oficialmente ós membros da Corporación Municipal. Asinou no libro de Ouro e mantivo unha reunión de traballo co rexedor. Entregoulle tamén como agasallo institucional unha bufanda artesán e unha peza de cerámica. No encontro que mantiveron José Ramón Gómez Besteiro e Argelio Fernández, o rexedor reclamou, entre outros asuntos, axudas para o remate das piscinas e para o proxecto de construcción da nova Casa Consistorial. Tamén lle pediu ó Presidente provincial que se solventen os problemas de titularidade de estradas entre a Deputación e a Consellería de Obras Públicas e que se realicen diversas melloras nas vías da rede provincial. Outra das demandas é o apoio técnico, por parte da Deputación, en cuestións como o asesoramento xurídico. A Fonsagrada, con 438,4 quilómetros cadrados é o Concello máis grande da provincial. Segundo o Instituto Nacional de Estatísitica, en 2006 tiña unha poboación de 4.856 habitantes.