Deputación de Lugo

Gómez Besteiro destaca o esforzo da Deputación para implantar as TIC na administración local

A institución provincial acolleu a presentación do libro

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este venres na presentación do libro “Emitindo en Dixital. Deseños de futuro en radio e televisión”, proxecto impulsado polo Consello Asesor de RTVE-G e patrocinado polas Secretarías Xerais de Comunicación e de Política Lingüística. Gómez Besteiro destacou que as novas tecnoloxías da información e da comunicación permiten prestar un servizo de calidade ós cidadáns. “Nos tempos que corren xa non podemos ser alleos á aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación. Hoxe non se entende unha administración sen TIC. A chegada da TDT suporá unha excelente oportunidade para a consolidación dun sector considerado estratéxico para o desenvolvemento”. O máximo mandatario provincial lembrou que a institución provincial está a realizar unha forte aposta pola implantación das TIC na provincia grazas a proxectos europeos como Innova-TE. Dotado con 9 millóns de euros, está destinado a todos os Concellos da provincia, prestando especial atención ós que acusan un maior despoboamento co obxectivo de reforzar a cohesión territorial da provincia e fomentar a aplicación das novas tecnoloxías no ámbito administrativo e empresarial. O Presidente da Deputación tamén sinalou que “facemos unha forte aposta pola formación audiovisual a través da Fundación TIC”. A este respecto, engadiu que grazas ó programa de bolsas de formación en empresas contribuímos á inserción dun bo número de titulados en empresas da provincia, de Galicia e mesmo doutras comunidades. Hoxe resulta sinxelo e gratificante atopar na nosa actividade diaria a técnicos formados na nosa escola”. No Concello da Fonsagrada tivo lugar hai escasos meses o primeiro apagón analóxico, polo que serán necesarios técnicos coa mellor cualificación profesional, formados no manexo das novas tecnoloxías dixitais, e precisaranse novos contidos nos que a interactividade fará converter todos os produtos audiovisuais. “A TIC é sensible a esta nova realidade e pronto poderemos completar a dotación de material e equipamiento técnico do Centro de Produción de Programas porque tamén nós temos que seguir poñéndonos ó día”. Gómez Besteiro, que previamente recibiu ás autoridades no Salón de Xuntas, estivo acompañado do Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Secretaria Xeral de Política Lingüística, Mari Sol López Martínez, o Vicepresidente do Consello Asesor da RTVE-G, Juan José Quintáns Paredes, e o coordinador do libro, José Miguel Túñez López. A publicación, coa que colabora a institución provincial e está elaborada por quince profesionais do mundo da comunicación, aborda distintos temas relativos á dixitalización, así como ás concesións estatais, autonómicas e locais da Televisión Dixital Terrestre, a televisión interactiva, a televisión local desde a perspectiva da imprecisión conceptual e do desenvolvemento do modelo en Galicia, audiencias de televisión e radio en Galicia, o fenómeno da dixitalización, que implica novos formatos, actitudes sociais e estratéxicas de mercado dos medios, a calidade do galego nos medios de comunicación e a televisión por cable en Galicia.