Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación aposta pola
artesanía rexional

Gómez Besteiro inaugurou o ciclo de conferencias nos que se expuxeron os resultados do proxecto internacional Avantcraft

O Presidente da Deputación de Lugo inaugurou este mércores o ciclo de conferencias no que se espuxeron as conclusións do proxecto internacional Avantcraft. Gómez Besteiro, que agradeceu a presenza dos asistentes, destacou o “amplo e variado patrimonio artesanal” co que conta a provincia de Lugo. A proposta da Deputación neste proxecto baséase no aproveitamento dos recursos e das potencialiadades de cada microempresa. Neste senso, o máximo mandatario provincial indicou que “para ser competitivos xa non é suficiente con cumprir determinados estándares de calidade, senón que é preciso que os produtos se diferencien pola súa simboloxía, utilidade, prezo e condición de acceso á imaxe”. Deste xeito, Gómez Besteiro sinalou que “a innovación na xetión, na presentación dos produtos para facelos máis atractivos, nos materiais acordes cos gustos actuais, na innovación nas tecnoloxías para lograr unha maior rendibilidade económica e, na cooperación para poñer en práctica estas cuestións” son os elementos a ter en conta para amosar a creatividade. O Presidente provincial, que realizou a súa intervención en castelán, debido que a maior parte dos asistentes eran de fóra de Galicia, indicou que a relación entre o mundo da artesanía e da industria permitirá “poñer en valor a artesanía achegándoa a novos mercados e abrindo novas vías produtivas. Debemos sumar esforzos e traballar nunha fronte común, tal e como indica o lema do organismo que presido”. Gómez Besteiro expresou o seu compromiso para que as conclusións extraídas deste ciclo de conferencias redunden no beneficio dos lugueses que “durante estes días nos que a exposición está na cidade, sentimos especialmente a Forza do Atlántico”. Clausura do ciclo de conferencias Logo da intervención de todos os conferenciantes, a Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, clausurou o ciclo de conferencias. Lara Méndez amosou a súa satisfacción por “poñer o broche final” a esta xornada na que se puxeron riba da mesa todas as conclusións deste proxecto que “desde que tomamos posesión o novo equipo de goberno da Deputación de Lugo asumimos con gran ilusión”. A Vicepresidenta Segunda destacou que Avantcraft é o resultado de varios anos de traballo a prol da artesanía atlántica e luguesa en particular. “É un proxecto novidoso e pioneiro que fusiona á perfección innovación e deseño, polo que desde a Deputación de Lugo estamos enormemente satisfeitos co resultado”, indicou Lara Méndez. A responsable da Área de Promoción Económica e Emprego do organimo provincial, retomou as palabras do Presidente para salientar que os produtos vinculados a unha Imaxe de Identidade rexional “se converten nun instrumento que revaloriza a competitividade, o turismo e mesmo contribúen á difusión internacional”. Deste xeito, Lara Méndez asegurou que a “comercialización conxunta é a clave para promocionar a nosa cultura permitindo abrir novas portas de desenvolvemento do tecido empresarial”. A Vicepresidenta Segunda da Deputación anunciou que o vindeiro seminario sobre Cultura e Mercado se celebrará a finais do próximo mes de xaneiro.