Deputación de Lugo

A Deputación doa 8 xovencas de elite da Granxa Gayoso para o XXIII Concurso Nacional de Rubia Galega de Adai

Imaxe deputación de lugo
A colaboración enmárcase dentro do convenio que o organismo provincial mantén con ACRUGA dende 2007 para expandir a raza

A alta calidade xenética e morfolóxica das reses da Deputación supón un valor engadido para o certame, de tal xeito que o prezo de saída da subasta de cada unha é de 1.800 euros O titular provincial e o Deputado de Gandeiría participarán no certame no que estarán presentes vinte explotacións da provincia e unha de Pontevedra O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado de Gandeiría, José María Arias, participarán este sábado no vixésimo terceiro concurso nacional de Raza Rubia Galega e septuaxésima edición da poxa de Adai (O Corgo). Para o certame, o organismo provincial doa oito xovencas do rabaño de elite da Granxa Gayoso Castro, dentro do convenio de colaboración que a Deputación mantén dende 2007 con ACRUGA para expandir a raza. A alta calidade xenética e morfolóxica das reses da institución provincial supón un valor engadido para o certame, de tal xeito que o prezo de saída fixado para a subasta de cada unha é de 1.800 euros. Ademais das reses da Granxa Gayoso Castro, no evento estarán presentes outras 192 procedentes de vinte explotacións gandeiras da provincia (Fonsagrada, O Corgo, Baralla, Castroverde, Samos, Sarria, Chantada, O Saviñao, Palas de Rei) e unha de Lalín (Pontevedra). Intensa colaboración con ACRUGA A Deputación e a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega manteñen dende hai 3 anos un convenio de colaboración para a expansión da raza. A través deste acordo, ACRUGA deposita nas instalacións de Castro de Rei un número de xovencas que son mercadas ós gandeiros e logo véndense a outros puntos do territorio nacional. De feito, a de Lugo é a única Deputación de Galicia que ten unha colaboración deste tipo a e a única administración de España. Dende entón estase a crear rabaño de elite coas mellores reses para dar resposta á grande demanda, experimentando un crecemento constante. En 2007 as xovencas adquiridas foron 53 e non se alcanzou ningunha venda; en 2008 o rabaño pasou a 80 animais, todos eles vendidos; en 2009 a adquisición de exemplares chegou ata os 243 dos que se venderon preto de 90; e o censo actual é de 250. Precisamente dentro desta colaboración e tendo que conta que unha das liñas estratéxicas do organismo provincial é fortalecer o sector agrogandeiro, a Deputación ampliará as instalacións existentes en Castro de Rei e creará unha nova nave de recría, que albergará as 200 xovencas que existen nestes momentos, os 8 machos e 25 vacas adultas. A esta actuación, a Deputación detina 417.347 euros.