Deputación de Lugo

A Deputación doa 19 novillas da Granxa Gayoso Castro para a Feira de San Isidro de Sarria

Imaxe deputación de lugo
9 explotacións da provincia participan no certame que se desenvolve esta fin de semana

A Deputación de Lugo cede 19 novillas da Granxa Gayoso Castro para a exposición de raza Rubia Galega que estará presente na feira de San Isidro de Sarria. A presenza da Deputación nesta iniciativa, que se celebrará desde mañá ata o domingo 10 de maio, é posible grazas ó convenio de colaboración que a institución provincial mantén coa Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacuno Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA). Na exhibición de gando que acolle esta feira, unha das máis importantes de Galicia, haberá exemplares de rubia galega pertencentes a nove explotacións da provincia de Lugo. As novillas do centro dependente da Deputación foron as primeiras en chegar onte ó recinto feiral de Sarria, mentres que o resto das reses das explotacións gandeiras fará a súa entrada no certame hoxe pola tarde. Entre os cen animais que toman parte nesta exhibición de raza rubia non faltarán algúns dos mellores exemplares, como os touros Toxo, Graciaso e Moisés, que a pesar da súa impresionante envergadura, destacan pola súa docilidade. Durante estes dous días poderase comprobar por que estas novillas foron seleccionadas como as mellores reses dentro dun rabaño de elite, no que priman as cualidades morfolóxicas; a reprodución, é dicir a facilidade de parto; e a produción, prestando especial atención á capacidade de crecemento ou á calidade da carne, entre outras cuestións. En Sarria hai 86 explotacións de raza rubia, ou o que é o mesmo, o 3 por cento das explotacións de Acruga atópanse na localidade. Este Concello só é superado por uns poucos elexidos na provincia, como O Corgo, que ten o 5 por cento das explotacións de rubia, cun total de 147. Promoción da raza ACRUGA é unha entidade colaboradora do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e responsabilízase dos Libros Xenealóxicos da raza en toda España. En Galicia esta asociación ten rexistradas 2.805 explotacións, das que 1.973 están en Lugo. Deste xeito, a maior parte da produción desta raza atópase na nosa provincia, xa que das 46.560 vacas catalogadas por esta asociación en Galicia, 34.334 son luguesas. O vínculo de ACRUGA coa Deputación de Lugo comezou hai dous anos coa firma do convenio no que se establece que a Asociación deposita un número de novillas nas instalacións provinciais para expandir a raza. As reses cómpranse ós gandeiros e logo véndense a outros puntos de España. A súa actividade baséase: na promoción da raza, a través da celebración dos concursos nacional e rexional, na participación en exposicións internacionais con presenza dun número importante de animais e unha forte promoción informativa da raza para cruzamento industrial a nivel nacional e internacional, facilitando material xenético en países como Alemaña e Portugal, e edición de documentación técnica.