Deputación de Lugo

A Deputación destina nunha semana preto de 3 M€ á mellora de varias estradas da provincia

Imaxe deputación de lugo
A Xunta de Goberno aprobou a contratación do acondicionamento en viais de Taboada, Sarria e Monterroso por valor de 1,2 millóns

O organismo provincial porá en marcha un novo servizo de actualización de datos castratrais co que lle aforrará cartos ós Concellos O Pazo de San Marcos acollerá o 23 de novembro a xornada sobre o proxecto de Lei de Pagos e Fondos Europeos organizada pola Deputación e Caixa Galicia A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres 3 novas obras en estradas de Taboada, Sarria e Monterroso por valor de 1.214.396 euros. Na sesión de hoxe contratáronse as obras de acondicionamento do vial provincial que comunica a N-540 coas localidades de Campo e Piñeira, dende o punto quilométrico 2,000 ó 5,000, no Concello de Taboada. Esta obra, que conta cun investimento de 114.398 euros, forma parte do POS complementario de 2008. Asimesmo, o organismo provincial executará con fondos propios o acondicionamento e dotación de servizos do treito final do Camiño de Santiago en Vigo, no termo municipal de Sarria, e no que se invisten 350.000 euros. Os traballos inclúen a aplicación de aglomerado en quente na zona de calzada, que ten unha lonxitude aproximada de 145 metros, ademais da construción de aparcadoiros e de beirarrúas de formigón. Deste xeito, dáse resposta ó compromiso asumido por Gómez Besteiro nunha viaxe realizada a este municipio. En canto ós servizos, instalarase toda a rede de saneamento e de abastecemento, alumeado público e telecomunicacións. Tamén se aprobou a contratación da construción de accesos e instalacións do río Ulla por valor de 749.999 euros. Trátase da estrada que comunica o núcleo urbano de Monterroso coa área fluvial da Peneda. Neste caso, a obra tamén inclúe a construción de beirarrúas polas dúas marxes da vía, instalacións de saneamento, telecomunicacións, alumeado público e pavimentación de calzada de 850 metros con aglomerado en quente. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “na Deputación estamos a facer un esforzo moi importante por mellorar a rede viaria. Por este motivo, resultan chamativas as declaracións do señor Barcia sobre as actuacións levadas a cabo neste eido en materia de infraestruturas. Como saben, na pasada Xunta de Goberno adxudicáronse varias obras e hoxe contratamos outras tres. En total, nunha semana aprobamos preto de 3 millóns de euros para o acondicionamento de varias estradas, polo que o dito polo voceiro do Partido Popular non ten ningún sentido”. Neste senso, destacou que “parece que agora o voceiro do PP ten moito interese en supervisar o que facemos na rede viaria, pois que lástima que este interese que ten agora o manifestase cando estaban no goberno porque nestes momentos calquera estrada que se arranxa faise nunhas condicións de calidade e garantindo a seguridade dos cidadáns”. Actualización datos catastro O organismo provincial aprobou a adxudicación provisional do servizo de actualización de datos catastrais nos Concellos da provincia por valor de 160.000 euros, e co que aforrará cartos ós municipios. Deste xeito, a empresa Serteca Ingeniería será a encargada de realizar unha asistencia técnica para que todas aquelas unidades urbanísticas municipais no dadas de alta no Catastro pasen a tributar. Gato Soengas sinalou que “se trata dunha nova liña de Cooperación coa que lle facilitamos ós veciños a cumplimentación dos formularios para que poidan dar de alta as súas fincas e ó mesmo tempo conseguimos mellorar a xestión tributaria e recadatoria dos Concellos”. Esta medida aplicarase nun principio nos 16 Concellos que subscribiron o convenio, aínda que queda aberta a todos aqueles que decidan sumarse ó acordo. Estes son: Alfoz, Baralla, Becerreá, Bóveda, Folgoso, Fonsagrada, Monterroso, Navia, O Páramo, Pastoriza, Pedrafita, Portomarín, Pontenova, Quirioga, Rábade, O Saviñao. Tamén se deu o visto e prace a 18 contas xustificativas dos Plans de Comunidades Veciñais de 2005 (1), 2006 (2), 2007 (2) e o resto de 2008. Suman un total de 206.714 euros, dos que a Deputación achega 129.676. Pertencen ós Concellos de Cervo, O Corgo, Lugo, O Saviñao (2), Sober, Alfoz, Begonte, Láncara, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras (2), Palas de Rei, Paradela, A Pastoriza, Trabada e Xove. Xornada sobre Lei de Pagos O día 23 de novembro o Pazo de San Marcos acollerá a xornada sobre o proxecto de Lei de Pagos e Fondos Europeos. O encontro está organizado conxuntamente polo organismo provincial e por Caixa Galicia, e será inaugurado polo Presidente da Deputación. Ademais da medida lexislativa, que proximamente entrará en vigor e que afecta a todas as entidades que participan neste sistema, tales como Caixas, Bancos e as administracións públicas, abordaranse outras cuestións relacionadas cos Fondos Europeos (FEDER, Fondo Social, etc) para o periodo 2007-2013, o financiamento e servizos para a xestión da tesourería global dos proxectos, anticipo de fondos, etc. Todas estas cuestións serán tratadas neste día no Salón de Actos por especialistas da entidade financieira. Para elo, dende a Deputación mandaranse invitacións a todos os Alcaldes e a todo o persoal dos Concellos vinculados coa materia. Gato Soengas tamén anunciou que se enviou ós municipios o informe realizado polo Servizo de Asistencia ós Concellos sobre a Lei de Ordenación de Medio Rural de Galicia. Esta medida lexislativa sofriu modificacións que dificultan a súa aplicación. Deste xeito, co documento realizado polo departamento da Deputación facilítaselles ós axentes municipais responsables da materia a aplicación da lei.