Deputación de Lugo

Continúa o curso de construción de hórreos que oferta o Centro de Artesanía e Deseño

Na provincia tan só un artesán de Antas de Ulla fabrica este tipo de cestos

Esta semana desenvólvese no centro de cestería do río Rato o cuarto curso da programación de cestería de primavera do Centro de Artesanía da Deputación de Lugo. Desde o luns ata o venres 25 de abril, o asistentes aprenden a construír o hórreo, cesto típico da zona centro de Galicia que servía para gardar ferramentas, cereais ou mesmo curar queixos, xa que a súa estrutura impide que os animais poidan acceder ó seu interior. O hórreo conservouse en Galicia e no norte de Portugal ata principios do século pasado. Na actualidade tan só existen dous artesáns que o fabriquen. Un deles, Julio España, reside na localidade de Castro de Amarante, en Antas de Ulla. Con todo, aínda quedan restos da súa existencia en zonas do interior de Galicia como Lalín, Ourense e na provincia de Lugo, en Friol. O artesán Carlos Fontales imparte este obradoiro que se desenvolve, en horario de mañá de 10:00 a 14:00, e de 16:00 a 20:00 horas pola tarde. Está dirixido a cesteiros profesionais, artesáns doutras disciplinas e ó público en xeral. Dispón de 40 horas de formación e unha capacidade para 8 alumnos. Para a elaboración do hórreo, os asistentes comezan pola preparación da base formada por un marco de madeira de castiñeiro ou carballo para logo seguir coa fabricación do corpo e co ensamble da estrutura do teito elaborado con palla de centeo. Obradoiros portátiles Os obradoiros portátiles de tapiz, cestería e instrumentos organizados polo Centro de Artesanía e Deseño continúan a súa andaina polos colexios da provincia. Esta semana os alumnos de Primaria e Secundaria dos centros nº 1 de Foz, Fondo Nois de Fazouro, Virxe Soidade de Lugo e os CEIPs de Xermade e Landro de Viveiro están a ser os destinatarios desta iniciativa que busca recuperar os oficios artesanais desde a etapa escolar dándolles ós rapaces a oportunidade de aprender e coñecer oficios de grande tradición na provincia. A vindeira semana será a quenda dos alumnos do CEIP Juan Rei de Lourenzá e do colexio Galén de Lugo.