Deputación de Lugo

Antón Bao recibe na Deputación os xogadores lucenses da Selección Galega de Fútbol Sala tras gañar o campionato de España Sub-20

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, recibiu hoxe os sete xogadores lucenses convocados pola selección galega para disputar o Campionato de España de Fútbol Sala Sub-20, e que o pasado 22 de febreiro conseguiron a copa deste torneo. Á recepción, celebrada no salón de xuntas do Pazo de San Marcos, foron convidados os portavoces dos grupos políticos con representación na corporación provincial, xunto cos deportistas Brais García Pedre, Rubén García Freije e Borja Rocha Vázquez, xogadores do Burela Fútbol Sala, Óscar Iglesias Lamas, Hugo Sánchez Flores e Carlos López Gómez, do Azkar Lugo, e Manuel Méndez Pereira, do Trabada. Nunha conversa informal cos sete xogadores lucenses de fútbol sala, Antón Bao recalcou a necesidade de seguir traballando en prol dun maior e mellor desenvolvemento do deporte de base en todas as comarcas lucenses. De feito, un dos propósitos da Área de Deporte da Deputación é o de descentralizar a práctica de determinadas disciplinas deportivas, como é o caso do fútbol sala, e achegalas ás vilas ou aos lugares máis afastados onde haxa un só rapaz ou rapaza interesado ou interesada nesta ou noutra actividade. Ademais, a área tamén ten como obxectivo contribuír á formación dos deportistas noveis porque eles son, tal e como comentou Bao, “as futuras promesas do deporte lucense”. Unha premisa que corroboran estes sete xogadores de fútbol sala, menores de vinte anos e todos eles deportistas de primeira liña. Neste mesmo sentido, e tamén de xeito informal, o portavoz do grupo provincial do BNG, e á súa vez, delegado da Área de Deporte, Antonio Veiga, salientou o importante labor levado a cabo polos equipos que militan na división de honra do fútbol sala lucense, quen traballan fomentando a práctica deste deporte dende a base, formando día a día aos máis novos para convertelos en “grandes profesionais” que “nun futuro pasarán a formar parte dunha nutrida canteira de deportistas lucenses”. Un proxecto apoiado e promovido pola área que dirixe o nacionalista Antonio Veiga.