Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolle a presentación da XXVI Edición da Copa Deputación

Antonio Veiga salientou a creación dun novo torneo, a Copa Deputación de Fútbol Feminino que disputarán o Club Friol e o Atlético Muralla

O delegado a Área de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, presentou este sábado a XXVI Edición da Copa Deputación no Pazo de San Marcos. No acto tamén estiveron presentes o delegado provincial e o membro da Federación Galega de Fútbol, Carlos Mouriz e José Ángel Latas, e o responsable técnico da Área de Deporte, Eduardo Fernández Abel. Na súa intervención, Antonio Veiga resaltou a “colaboración e a predisposición” e todos e cada un dos clubs que participaron da última edición da Copa Deputación, data na que o trofeo conmemoraba o seu 25 aniversario. Ademais, no ano 2008 tivo lugar a primeira Supercopa disputada entre o equipo campión das categorías 1ª autonómica e preferente autonómica, 2ª e 3 ª autonómica, e a Sociedade Deportiva de Lugo. A maiores, este ano tamén se disputará a primeira Copa Deputación de Fútbol Feminino. Esta iniciativa pretende potenciar o deporte feminino, especialmente o fútbol, en todas as comarcas lucenses. Xa que, na actualidade, Lugo só conta con dous equipos de fútbol feminino federados, o Club Friol e o Atlétic Muralla, que disputarán a final deste novo torneo. Para a posta en marcha desta última edición da Copa Deputación, a Área de Deportes conta cun orzamento de case 100.000 euros. Nesta liña, Antonio Veiga notificoulles ao clubs deportivos participantes no trofeo que o campión e subcampión da categoría 1ª autonómica e preferente autonómica, será premiado con 5.000 e 4.000 euros respectivamente. Ademais, cada equipo recibirá 450 euros por partido xogado. En 2º e 3º autonómica, os premios alcanzarán os 4.000 e os 3.000 euros, e os clubs percibirán 385 euros por partido disputado. Nas categorías 1ª autonómica e preferente autonómica xogarán un total de 19 equipos. Retiráronse da competición os clubs e sociedades deportivas de Castro, Burela, Foz, Valadouro e Ribadeo. En 2ª e 3ª autonómica o número de clubs participantes elévase a 32.