Deputación de Lugo

A Área de Deportes da Deputación homenaxea o Club Voleibol Ribeira Sacra tras proclamarse Campión da Superliga Feminina 2

Antón Bao loou o “esforzo” e “o traballo realizado” pola entidade en prol do fomento e da práctica desta disciplina deportiva minoritaria no Concello de Monforte de Lemos

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, e o delegado da Área de Deportes desta mesma institución, Antonio Veiga, recibiron este martes no Pazo de San Marcos ás integrantes do Club Voleibol Ribeira Sacra, logo de proclamárense campioas da Superliga Feminina de Voleibol 2 (SFV 2). O equipo monfortino vencía 2-3 o Club Voleibol Promociones Díez Rical Miranda no Pavillón Multifuncional de Bayas de Miranda de Ebro o pasado sábado 14 de marzo, momento no que conseguía o ascenso á máxima división do voleibol feminino en España, despois de pasar os dous últimos anos nunha categoría inferior, a Superliga 2. No transcurso do acto, Antón Bao felicitou o Ribeira Sacra, ao tempo que se refería ao club coma “todo un referente do deporte feminino e concretamente do voleibol en Lugo e, por extensión, en Galiza e no resto de España”. Ademais, o vicepresidente loou o “esforzo” e “gran traballo realizado para sustentar unha entidade deportiva destas características”. Así, Antón Bao, lembrou as dificultades existentes neste contexto de crise económica para manter vivo un deporte minoritario como é o voleibol. Nesta liña, Bao instou ás administracións a que apoien con maior énfase estas disciplinas e, tamén, a presenza das mulleres no ámbito do deporte profesional. Na súa intervención, o presidente do Club Ribeira Sacra, José Ramón Martínez Mareque, agradeceu, ao igual cá capitá do equipo, Verónica Contreras, o apoio brindado pola Área de Deporte da administración provincial e polo seu delegado, Antonio Veiga, e tamén a axuda concedida polo vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao. Na recepción tamén estiveron presentes varios membros da sociedade deportiva e os portavoces dos grupos provinciais con representación na Deputación de Lugo. Un equipo avalado polos seus éxitos A Agrupación Deportiva A Pinguela fundouse en Monforte de Lemos no ano 1987 cun obxectivo moi ben delimitado: contribuír na práctica e na promoción do voleibol, concretamente na categoría feminina. Dende a tempada 1996-1997 ata a 2006-2007, o seu primeiro equipo, o Club Voleibol Ribeira Sacra, militou na Superliga Feminina de Voleibol 2 (SFV 2). Logo descendería á Superliga 2 ata alcanzar de novo a máxima división en marzo de 2009. Entre os logros deportivos da agrupación A Pinguela destacan o primeiro premio do Campionato de España en categoría cadete no torneo celebrado en Murcia e o terceiro posto do na categoría xuvenil na competición que tivo lugar en Madrid na tempada 1999-2000. Ademais, en febreiro de 2004, Monforte de Lemos foi a sede da XXIX edición da Copa Reina de Voleibol e a organización correu a cargo desta sociedade deportiva.