Deputación de Lugo

As entidades que reciben axudas nominativas da Área de Cultura e Deporte da Deputación poderán solicitar o adianto do 60% do importe total destas subvencións

Unha vez recibidas estas axudas, os beneficiarios terán que xustificalas para non perder esta porcentaxe e percibir a cantidade restante

O vicepresidente primeiro da Deputación, o Antón Bao, informou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno de que as asociacións culturais e as entidades e clubs deportivos lucenses, que así o desexen, poderán solicitar un adianto do 60% do importe das subvencións nominativas que concede a Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo sen presentar unha xustificación previa. Para percibir o cento por cento das achegas, neste caso o 40% restante, as asociacións, entidades e clubs terán que presentar unha memoria e un orzamento estimado dos custos das actividades e obras que van realizar. A non presentación desta documentación nos prazos estipulados, implicaría a devolución do adianto recibido con anterioridade e a perda automática das cantidades pendentes que han de percibir. Tal e como comentou Antón Bao, estas axudas nominativas destínanse a entidades culturais e deportivas que dependen en boa medida das subvencións da Área de Cultura e Deporte da Deputación para levar a cabo a súa actividade ao longo do ano, un proxecto que conta cun orzamento que supera os 2.200.000 euros. Na maioría dos casos, son clubs que participan en competicións de carácter estatal e que teñen unha estrutura organizativa máis complexa e, por conseguinte, uns gastos máis elevados. A isto, o vicepresidente primeiro da Deputación sumoulle o papel que exerce a crise na que está inmersa o sistema financeiro mundial. A convocatoria de axudas de concorrencia competitiva sairá en breve A maiores, Bao lembrou que “en aproximadamente un mes” se fará pública a convocatoria de axudas de concorrencia competitiva para asociacións, entidades ou clubs deportivos para o ano 2009. Neste sentido, o vicepresidente primeiro recalcou que as subvencións “sairán en tempo e forma” para que os beneficiarios poidan programar os seus eventos e actividades “nas mellores condicións posibles”. Poderán solicitar estas achegas calquera asociación cultural, entidade ou club deportivo que estea legalmente constituída, con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro. No eido cultural serán obxecto de subvención todas aquelas actividades de carácter anual e/ou eventos culturais de carácter puntual posta en marcha polas asociacións, sendo compatibles ambas as axudas. No que atinxe ao ámbito dos deportes, subvencionarase a actividade competitiva, a actividade deportiva sen competición oficial dirixida á formación e iniciación e a organización de eventos deportivos de carácter puntual.