Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación presidirá o acto de colocación do retrato do seu antecesor no cargo

Imaxe deputación de lugo
O retrato de Francisco Cacharro colgarase xunto ós cadros de anteriores mandatarios provinciais

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presidirá o vindeiro luns, 16 de xuño, o acto de colocación do retrato do seu antecesor no cargo, Francisco Cacharro Pardo. O cadro, do que é autora a pintora María Xesús Pérez Carballo, colgarase na Galería de Retratos do Pazo Provincial, xunto ós de anteriores mandatarios da institución. Gómez Besteiro recibirá a Francisco Cacharro no seu despacho, onde manterán unha reunión privada. A continuación, o ex Presidente será presentado ó Vicepresidente Primerio, Antón Bao, á Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e á Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján, así como ós voceiros dos grupos políticos. Na Galería de Retratos procederase a descubrir o cadro coa imaxe de Cacharro Pardo, o 102 Presidente da Deputación de Lugo, e que estivo ó fronte desta institución desde 1983 a 2007. Cadro de honra O retrato de Francisco Cacharro foi encargado pouco despois da toma de posesión do actual Presidente provincial e quedou rematado hai pouco máis dun mes. Deste xeito, cúmprese cunha das cláusulas que contempla o Regulamento de Honra da Deputación para os ex Presidentes. A autora, María Xesús Pérez Carballo, foi elexida polo propio Francisco Cacharro. O cadro, un óleo de 60 x 50 centímetros, custou 4.640 euros. Este retrato estará xunto ós de Luis Cordeiro, que presidiu este organismo desde os anos 1979 a 1983; José de la Torre, que ocupou o cargo entre 1965 e 1974 e Julio Ulloa Vence, Presidente desde 1963 a 1965. Precisamente, Ulloa Vence é unha das personalidades convidadas a este acto. Tamén está prevista a asistencia de Juan Soto, Cronista Oficial da Provincia, por acordo plenario do 29 de xaneiro de 1996.