Deputación de Lugo

Antonio Gato destaca a xestión política do actual equipo de goberno que condicionará os Presupostos provinciais deste mandato

O Presidente da Deputación acudirá á capela ardente de Calvo Sotelo instalada en Ribadeo

O voceiro do grupo provincial do PSOE, Antonio Gato, destacou a xestión política realizada polo actual equipo de Goberno nos últimos meses que “redundará en beneficio de todos os Concellos da provincia e dos seus veciños”. Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, Antonio Gato dixo que “hai decisións políticas que se foron tomando neste periodo que condicionan non só os presupostos de 2008, senón tamén os dos vindeiros exercicios. Son medidas políticas que repararon situacións xeradas a partires do desgoberno do Partido Popular”. Antonio Gato destacou decisións tan importantes como as do canon hidroeléctrico, a rede provincial de parques de bombeiros, a presentación de proxectos ós Fondos Europeos e a creación dun centro de recría de xovencas na Granxa Gayoso Castro. O voceiro socialista tamén lembrou que o Presidente da Deputación delega nos Vicepresidentes cando, por motivos do seu cargo, non pode presidir as Xuntas de Goberno. Puxo como exemplo a anterior Comisión á que Gómez Besteiro non asistiu por coincidir coa reunión que mantivo co Conselleiro de Medio Rural. Capela ardente de Calvo Sotelo Gato Soengas avanzou que o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acudirá esta tarde á capela ardente do ex Presidente do Goberno Leopoldo Calvo Sotelo, instalada na Casa Consistorial de Ribadeo, a onde foi enviada, en nome da Corporación, unha cora de flores. Ademais, Gómez Besteiro decretou tres días de loito oficial. As bandeiras ondearán a media asta na fachada do pazo provincial ata as doce da noite do martes. Antonio Gato destacou a figura de Calvo Sotelo, que “foi Presidente en condicións moi difíciles para o sistema democráctico, e soubo cumprir coa tarefa de defender as bases do estado de dereito “. Ademais, lembrou o vencellamento do ex Presidente coa provincia de Lugo, especialmente co Concello de Ribadeo, do que era Fillo Adoptivo e Alcalde Honorario. Expropiacións POS e POS Por outra banda, o voceiro do grupo provincial socialista dixo que o Xurado Rexional de Expropiacións xa resolveu 9 dos expedentes de proxectos do POS e POL do ano 2005 que desbloqueou o actual equipo de goberno. Son obras correspondentes a treitos de vías provinciais dos Concellos de Antas de Ulla, O Incio, Trabada, Vilalaba, Sarria, O Saviñao, Castro de Rei e Friol. “Compría andar rápido, porque as obras corrían perigo porque podían perderse as axudas do Estado”, apuntou Gato. Destes nove proxectos, cinco comezarán proximamente a executarse, en concreto, os relativos a Antas de Ulla, O Incio, Sarria, Vilalba e Castro de Rei. Acordos da Xunta de Goberno A Xunta de Goberno adxudicou a instalación de bandas rugosas na glorieta de acceso ó parque empresarial de Friol por 5.400 euros. Este proxecto é complementario ás obras de acondicionamento e a construción da devandita glorieta nas que a Deputación investiu un total de 758.000 euros. Ademais, o Goberno provincial acordou o personamento da Deputación nun recurso contencioso-administrativo por unha reclamación patrimonial presentada a consecuencia do atropelo dun xabarín na estrada provincial LU-5906, no Concello de Sober, o 12 de xaneiro de 2006. A demandante reclama á institución provincial 1.738 euros .