Deputación de Lugo

Inaugurado o edificio Cactus de Lugo en terreos cedidos pola Deputación

Gómez Besteiro reiterou o compromiso da Deputación para seguir colaborando en novos proxectos coa USC

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este mércores na inauguración do edificio do Centro de Apoio Científico e Tecnológico do Campus de Lugo (CACTUS), que se construíu nuns terreos cedidos polo organismo provincial. No acto tamén estiveron o Reitor da USC, Senén Barro, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o Director Xeral de Promoción Científica e Tecnológica do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido. Gómez Besteiro destacou a estreita colaboración entre a Deputación e a USC, que se reflicte na cesión destes terreos e no proxecto do edificio que acollerá as titulacións de Enxeñería de Obras Públicas e Topografía. O titular da institución provincial reiterou o compromiso para continuar nesta senda a través de proxectos como o Centro de Recría que se creará na Granxa provincial Gayoso Castro. O edificio CACTUS presta un importante servizo de investigación en todo o Campus e tamén a empresas particulares. Conta cun orzamento de 3.757.660 euros, ós que hai que engadir os 753.000 que supuxo a urbanización dos terreos e o acondicionamento dos despachos. Situado nun lateral do aparcamento da Biblioteca Intercentros, O centro ten unha superficie útil de 1.989,79 metros cadrados repartidos en cinco andares O Reitor da USC, Senén Barro, destacou o incremento dun 40% no investimento para investigación nos últimos catro aaños INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DEPUTACIÓN Reitor, Alcalde, Conselleiro, Director Xeral… Bos días: Tendo en conta que historicamente a Deputación de Lugo e a Universidade camiñaron abrazadas, hoxe é unha enorme satisfacción volver estreitar a man da USC para inaugurar este novo edificio, peza clave no desenvolvemento do Campus de Lugo, xa que cremos que non se pode entender a Universidade sen a investigación. Por iso, a miña primeira felicitación para todas esas persoas que, grazas ás súas investigacións, consolidaron este campus como un referente e, ademais, rendible. Como ben saben, este edificio ten o nome de CACTUS. Facendo un símil coa pranta, este CACTUS que hoxe inauguramos nace tamén coa forza para ser autosuficiente e con raíces profundas para ter futuro e saber adaptarse ás circunstancias. E a Deputación de Lugo non podía faltar neste momento nin no futuro prometedor que ten por diante este Centro porque, ó igual que fixeron as Corporacións provinciais no pasado, nós recollemos a testemuña en prol do Campus de Lugo. Comprometémonos con este edificio que hoxe inauguramos desde o mesmo momento do seu nacemento, cedendo á Universidade os terreos para a súa construción. Pero a colaboración continúa... Neste momento estamos a redactar o proxecto do edificio que acollerá as titulacións de Enxeñería de Obras Públicas e Topografía. Ademais de ceder os terreos, tamén financiaremos parte do investimento necesario para a súa construción. Como se poden imaxinar, todo isto supón un enorme esforzo económico, a través da Deputación, de todos os habitantes desta provincia, xa que non debemos esquecer que xestionamos cartos públicos. Pero creo que paga a pena porque sen educación, non hai futuro. Así o entendemos na Deputación. Aproveitando que está o señor Reitor, quero reiterar publicamente o noso compromiso a seguir colaborando coa USC. Queremos contar coa Universidade nun proxecto imprescindible para o futuro dun dos sectores básicos da economía da nosa provincia: a gandeiría. Estoume a referir ó Centro de Recría de gando que estamos deseñando para o ano que vén na Granxa Gayoso Castro. Estamos a manter reunións e diversos contactos e confío en que a boa disposición que atopamos por parte dos responsables da USC fructifique en acordos beneficiosos para a sociedade lucense. Longa vida ó CACTUS e moitas grazas!!!