Deputación de Lugo

A Deputación achega 38.000 euros para a ampliación do Museo de Arte Sacro de Monforte

Gómez Besteiro e a Superiora asinaron o convenio que permitirá construír un anexo no Convento das Clarisas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e a Superiora Edicta Francisca Vázquez asinaron este martes o convenio de colaboración que permitirá restaurar e acondicionar o edificio anexo ó Convento das Clarisas de Monforte para que se poidan levar a cabo as obras de ampliación do Museo Arte Sacro, ubicado no centro relixioso. Gómez Besteiro destacou a necesidade da colaboración entre as administracións para recuperar cuestións como o patrimonio histórico-artístico da provincia. “É a nosa obligación colaborar. A través da suma de esforzos e cando as administracións imos na mesma dirección ó final estas iniciativas teñen éxito”. O centro relixioso alberga o Museo Arte Sacro, o segundo centro museístico destas características máis importante de España, despois do Museo da Encarnación de Madrid. Gómez Besteiro subliñou que o patrimonio histórico co que conta a provincia “é unha cuestión que se debe valorar e publicitar. A xente debe saber e coñecer a riqueza e o valor que temos”. Dada a escasa capacidade do Museo, as monxas clarisas solicitaron o apoio da Deputación para o acondicionamento dun espazo que acolla os elementos arquitectónicos mentres non rematen os traballos de ampliación. Para esta actuación o organismo provincial achega 38.413 euros. No acto no que tamén participaron a Vicepresidenta Terceira e Delegada de Turismo, María Xosé Vega Buxán, e o Deputado da Área de Cultura, Antonio Veiga, e o Alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, o máximo mandatario provincial agradeceu o labor da congregación relixiosa para a conservación deste legado artístico que pertenceu ó Condado de Lemos. “Non podemos esquecernos do traballo silencioso que fai a comunidade relixiosa en moitas partes da provincia, e en particular nesta zona de Lugo”. Pola súa banda, a Vicepresidenta Terceira e Delegada de Turismo, lembrou que “este convenio era necesario porque ultimamente atopáronse elementos e moitos fondos que, debido á falta de espazo, aínda están sen expoñer”. María Xosé Vega destacou que desde o momento en que a Superiora nos trasladou esta necesidade “desde Cultura e Presidencia consideramos de moito interés esta obra porque primeiro, axudamos a revalorizar o Museo e, segundo, contribuímos a poñer en valor o traballo das relixiosas”. Os fondos do Museo Logo da sinatura do convenio, o Presidente da Deputación, os compañeiros de Corporación provincial e o rexedor monfortino visitaron o Museo e as instalacións do Convento Purísima Concepción. O centro relixioso alberga o Museo de Arte Sacro desde 1977. No seu interior atópanse diversos libros realizados nas mellores imprentas europeas durante os séculos XVI e XIX e ilustrados polos mellores debuxantes e gravadores de Flandes e España, como a Biblia Sacra editada en 1583 e pertencente á VI Condesa de Lemos. As relixiosas son as encargadas da conservación dos distintos elementos que se poden atopar no Museo. Deste xeito, destacan esculturas adquiridas e encargadas a artistas como Cicchelangelo Naccherino, Tommaso Montani, Francesco Vennelli, Jacopo Lazzari, Petro Cuadrado ou Giovanni Battista Ortega, durante a estancia dos Condes en Nápoles. Tamén se conservan fondos pictóricos de artistas italianos, e óleos atribuidos a Bassano como a Última Cea e A Sagrada Familia traballando de Giovanni Bernandino Azzolino.