Deputación de Lugo

Unha exposición sobre a historia do zapato chega ao Museo de Lugo entre as actividades do seu 75º aniversario

Unha exposición sobre a historia do zapato chega ao Museo de Lugo entre as actividades do seu 75º aniversario

O Zapato, unha pegada na historia foi inaugurada polo Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao LUGO, a 8 de maio de 2008. O zapato, unha pegada na historia, é unha mostra itinerante formada por fondos do Museo do calzado da cidade alacantina de Elda, unha das cidades con máis tradición na fabricación de calzado de todo o estado. Esta exposición amosa un percorrido sobre a historia do calzado, dando a coñecer a súa evolución coas características de cada época. O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, inaugurou hoxe esta mostra dentro das actividades que se enmarcan no 75º aniversario do Museo de Lugo. O calzado é tan antigo como a humanidade, o home sentiu a necesidade de cubrir os seus pés para protexelos das hostilidades da propia natureza. Calzarse na antigüidade non soamente protexía, senon que marcaba un status social. Soamente o faraón e os dignatarios podían levar calzado en Exipto; en Grecia, o ir calzado distinguía os homes libres dos escravos. Durante esta época desenvolvéronse as formas básicas do calzado: sandalias, zapatos e botas. Idade Media e Moderna As tres formas de calzado máis importantes durante a Idade Media, o Renacemento e o Barroco foron popularizados por tres personaxes históricos: Dende o século II, todos empezaron a calzar polainas seguindo o exemplo do Duque de Anjou para imitar a súa postura cortés e estilizada. No século XV, Carlos VIII de Francia puxo de moda o zapato de punta cadrada chamado “de morro de vaca” ou “pata de oso” (que usaba para ocultar os seus pés deformes). Xa no século XVII búscase unha imaxe máis refinada no zapato de tacón, que Luis XIV usa ademais para disimular a súa curta estatura. Século XIX Nos inicios do século XIX, o tacón cedía o paso ó zapato plano e ós escarpins estreitos. A finais dos anos 30 entronízase o botín, abotoado ou con cordóns, gañando altura o seu tacón a medida que pasen os anos. Surxirá tamén o cubre zapatos ou polaina. A metade do século créase o modelo que maior aceptación tivo na historia contemporánea do calzado masculino: o Oxford. Século XX- A A incorporación das mulleres á esfera pública e a súa conseguinte emancipación provocou un cambio nas modas do vestir feminino durante o século XX. Trala Primeira Guerra Mundial, a tendencia a dificultar a liberdade no camiñar das mulleres irá desaparecendo, buscándose pola contra a comodidade. Século XX-B Os anos 50 dan a coñecer o tacón de agulla, símbolo de alta carga sexual. Os anos 60 co movemento hippie dan renda solta á imaxinación sobre mocasíns, altas plataformas, zocos e un renacemento da bota. Nas dúas últimas décadas do século, a popularización dos grandes deseñadores de moda tivo como consecuencia unha diversidade de modelos e estilos, creándose un zapato para cada momento e cada persoa. Zapato deportivo: Coa popularización do deporte no século XIX, comezan a idearse distintos modelos de calzado, sendo a zapatilla de tea branca con sola de goma o modelo do que partirá unha ampla tipoloxía. Pero o aspecto máis destacado do calzado deportivo é a xeneralización do uso cotiá nos últimos vinte anos. Esta adaptación ten o seu principal exponente no modelo chamado tenis, aínda que a última revolución é a influencia da zapatilla de bolera dos anos 50, (os chamados “bowlings”) nos deseños actuais. Calzado doutros países e autóctono: A evolución propia de cada pobo, cada país, influíu enormemente no calzado, configurando un zapato que se identifíca cos seus cambios ou tradicións políticas, sociais e culturais. Ao mesmo tempo, e dentro de cada país, hai calzados identificativos de distintas zonas, intimamente ligados co traballo e o folclore dos seus poboadores.