Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo copatrocina o XXXVI Curso de Saúde Ambiental que se celebrará na cidade a principios de xuño

O Deputado de Urbanismo destacou que o medio ambiente é un dos obxectivos prioritarios do equipo de goberno da Deputación

O salón de actos da Fundación Caixa Galicia acolleu este martes a presentación do XXXVI Curso de Saúde Ambiental-Congreso Provincial de Medio Ambiente que se celebrará na cidade desde o 2 ó 6 de xuño. Neste senso, a capital luguesa convertirase nun punto de encontro de ambientalistas de toda a provincia e de Galicia. O Deputado de Urbanismo e Medio Ambiente, Miguel Ángel Sotuela, destacou a importancia do curso, xa que “máis do 55% da provincia é Reserva da Biosfera, polo que desde a Deputación estamos encantados da celebración deste tipo de eventos”. Terras de Miño –a primeira Reserva declarada en Galicia no ano 2002 e a segunda máis grande da Península Ibérica-, Ancares e Río Eo, Oscos-Terras de Burón son as tres zonas que dispoñen desta distinción outorgada pola UNESCO. Deste xeito, o Deputado de Urbanismo e Medio Ambiente incidiu en que “desde a Deputación existe un especial interese en colaborar en todo o que sexa o medio ambiente, polo que un dos obxectivos que xa nos encargou o Presidente é traballar para convertir o Pazo de Tor nun dos referentes en España do medio ambiente en catro ámbitos: natureza, caza, pesca e educación medioambiental”. Este foro de debate ambiental ten como obxectivo fundamental contribuír ó desenvolvemento sostible da provincia de Lugo, mellorar a xestión nos aspectos ambientais da saúde dos municipios lugueses e con elo as condicións de vida urbana dos seus cidadáns, tendo sempre presente o peso específico que ten o medio ambiente como xerador de actividades capaces de producir emprego, renta, saúde e benestar á poboación; ademais de apoiar a formación e reciclaxe de técnicos en medio ambiente e saúde e propiciar a participación e un maior nivel de compromiso de todos os axentes sociais coa protección e conservación do patrimonio natural galego. Estrutura do Congreso Oito sesións plenarias, visitas prácticas e a exposición sobre a Reserva da Biosfera Terras do Miño que a Deputación está a levar polos distintos concellos da provincia conforman a estrutura do Congreso no que participarán 42 ponentes. Participarán expertos das tres universidades galegas, técnicos das Consellerías de Sanidade, Medio Ambiente e Industria, así como do Ministerio de Medio Ambiente e técnicos dalgúns concellos lugueses. Ademais das ponencias, o programa inclúe visitas prácticas á Reserva da Biosfera Terras do Miño, á ETAP, á EDAR, ó punto limpo municipal e ó balneario Termas Romanas de Lugo. O Congreso conta coa acreditación académica da Universidade de Santiago de Compostela e o respaldo da Sociedade Española de Sanidade Ambiental e da Asociación Española de Ciencias Administrativas. Está dirixido a funcionarios e responsables políticos da Administración local, provincial e autonómica; profesorado de ensino secundario, formación profesional e universitario; técnicos e xestores de calidade, medio ambiente e prevención de riscos laborais de empresas; estudantes universitarios e de formación profesional, etc. O curso dispón de 100 prazas e o custe da matrícula é de 30 euros. Enmárcase dentro do Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles 2000-2008, iniciativa de carácter itinerante pioneira en España, dirixida polo Profesor Francisco Peña, e que conta coa colaboración da Obra Social Caixa Galicia e da FEGAMP. Desde a súa posta en marcha no 2000 tivo unha gran acollida en Galicia, recorrendo ata o momento 195 Concellos (192 galegos, 2 leoneses e 1 asturiano) e máis dun milleiro de institucións, asociacións, entidades, colexios profesionais e empresas relevantes de Galicia e de España. Na provincia de Lugo estivo en Viveiro, Monforte de Lemos, Ribadeo, Chantada, Vilalba, Lugo, Burela.