O Presidente da Deputación destaca a importancia de que os sindicatos estean presentes no futuro Plan Estratéxico
da provincia
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_3016_1.jpg)
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse este luns, tal e como estaba previsto, coas organizacións sindicais CSI-CSIF, UXT, CCOO e a CIG para convidalos a que formen parte do Foro Prolugo constituído nas últimas semanas polo organismo provincial, a Fundación Caixa Galicia, o Concello de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a CEL. O máximo mandatario provincial amosouse satisfeito pola reunión que cualificou de positiva. Neste senso, Gómez Besteiro expresoulles ós representantes dos catros sindicatos a súa intención de que formen parte do Foro Prolugo que engloba ós principais axentes públicos e privados que operan na provincia co fin de promover o seu desenvolvemento económico e social e que contempla a redacción do futuro Plan Estratéxico da provincia para o periodo 2006-2013. Deste xeito, subsánase o erro polo que non se convocou ás organizacións no acto de constitución. Trátase de mirar cara ó futuro, polo que os sindicatos deben estar presentes, xa que o futuro Plan Estratéxico porá riba da mesa a situación actual da provincia ó tempo que sentará as bases para potenciar o seu desenvolvemento, destacou o titular do organismo provincial. Gómez Besteiro quen engadiu que os representantes sindicais se amosaron receptivos a formar parte do Foro, xa se reunira a semana pasada cos membros de organizacións provinciais do sector agrario (Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego). Os catro sindicatos estiveron representados por Manuel Enrique Chaín Fernández de UXT, Francisco Villanueva de CIGA, José Castro de CCOO e José Berciano Berciano de CSI-CSIF.