Deputación de Lugo

A Sala de Exposicións da Deputación acolle as Visións en Konflito de Lugilde

A exposición Visións en Konflito foi inaugurada polo

A exposición do artista lucense José María Lugilde Visións en Konflito, que foi inaugurada hoxe na sala de exposicións da Deputación de Lugo Lugo, permanecerá aberta ata o día 29 de xuño. O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, inaugurou hoxe esta mostra que inclúe un total de 40 cadros e 13 esculturas definidas polo particular surrealismo de Lugilde. A temática de parte das obras que conforman esta exposición está baseada, en grande medida, no conflito xerado polas contrariedades que o tema relixioso xenera neste artista lucense que se declara agnóstico. As obras pictóricas da mostra son fundamentalmente óleos, acrílicos e cadros elaborados con técnica mixta, ao respecto das esculturas hai unha grande porcentaxe de pedra que se mezcla con outros materiais como vidro, aceiro e madeira. Antón Bao salientou o traballo constante deste artista lucense que participou no que foi o xerme da actual escola de artes aplicadas cando impulsou, con outros compañeiros, a creación da Fundación Bolaño Ribadeneira na que contaron con mestres como Luís Gómez Pacios ou o escultor Mallo. Na obra de Lugilde podemos ver que a abstracción se converte nun campo temático, pois a figura é o elemento co que se traballa. Para o autor no surrealismo ten que haber figuración aínda que sexa deformada, pois describe o surrealismo como unha técnica figurativa. Cunha ampla e curtida traxectoria pictórica, Lugilde consegue narrar suxerentes historias que teñen sempre como denominador común o home liberado e espido en contacto permanente coa natureza, coa verdade e coa luz. Unha creación artística que está dotada de numerosa sensualidade e imaxinación.