Deputación de Lugo

A Deputación aposta polo INLUDES cun incremento do 54% do seu presuposto

O Presidente e a Vicepresidenta Segunda presentaron o proxecto orzamentario aprobado polo Consello Reitor que ascende a case 12 millóns de euros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, presentaron este mércores os orzamentos de 2008 do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico que se cifran en 11. 971.740,15 euros. O Consello Reitor do INLUDES aprobou hoxe o proxecto dos orzamentos que con respecto á cantidade de 2007, 7.761.754,32 euros, prodúcese un aumento de 4.209.985,83 euros, o que representa un incremento do 54,24%. Neste senso, Gómez Besteiro sinalou que “hoxe é un día moi importante para o INLUDES porque o Consello Reitor no que están respresentadas todas as forzas políticas, incluída a oposición, aprobou a proposta de orzamentos para elevalo despois á Deputación. O incremento demostra a importancia que a nova Deputación lle dá ó Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social”. Unha vez aprobado o proxecto, e segundo o disposto nos estatutos do INLUDES, correpóndelle ó Pleno da Deputación a aprobación inicial do Orzamento Xeral provincial, incluídos estes presupostos. Este Pleno terá lugar o martes, 27 de maio. Trátase dun orzamento dinamizador e impulsor que persegue 3 obxectivos fundamentais, tal e como explicaron os dous mandatarios provinciais: 1. EUROPA E INLUDES TEÑEN QUE CAMIÑAR DA MAN: A APOSTA POLO MEDIO AMBIENTE E O EMPREGO. Con este orzamentos, o INLUDES entra nas distintas convocatorias de iniciativas comunitarias, nacionais e autonómicas que suporán a execución de proxectos que favorecerán o desenvolvemento da provincia, entroncando as políticas da Deputación coas políticas públicas europeas, nacionais ou autonómicas. Este orzamento inclúe 7 proxectos cofinanciados por fondos comunitarios por un importe total de 14.901.535 euros. A aportación do INLUDES no exercicio 2008 será de 2.292.478 euros. Gómez Besteiro subraiou que “as partidas destes proxectos marcan un criterio político que determinará a actuación dos próximos anos e se algún deles non acada a financiación europea, o cometido do INLUDES será sacar adiante os proxectos con fondos propios do Instituto porque forman parte dos nosos obxectivos estratéxicos”. Con respecto ó estado de ingresos, namentres no exercicio 2007 as achegas da Deputación representaban o 93,67% do total de ingresos, no exercicio 2008 esta porcentaxe redúcese ó 81,23% debido á maior participación dos ingresos previstos procedentes doutras administracións, xa sexan europeas, nacionais ou autonómicas. A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, sinalou que “dentro do obxectivo de que o INLUDES debe ir da man de Europa para conseguir a modernización da provincia, solicitáronse proxectos que van orientados ás novas tecnoloxías, ó medio ambiente e á promoción do emprego”. Lara Méndez lembrou ós dous presentados, Innova-Te Lugo e Pacto Provincial polo Emprego, ós que se engade o de Desplegue das Solucións- Avanza Local, que ten como finalidade “conseguir que toda a administración quede informatizada a través da implantación da e-administración, servizo co que se facilitará o proceso burocrático ós cidadáns”. Asimesmo, a Vicepresidenta Segunda sinalou que a estes tres proxectos súmanse dous INTERREG nos que o INLUDES figura como xefe de fila: Trovar e Vías Atlánticas II. O primeiro, que conta cun orzamento de 1.369.000 euros, está destinado a recuperar e difundir a cultura musical mentres que, co segundo, completarase a sinalización da vía romana XIX ata a provincia da Coruña e elaborarase un estudo da Vía XX. 2. AMPLIAR E MELLORAR OS SERVIZOS QUE A ENTIDADE PRESTA ÓS CIDADÁNS E EMPRESAS DA PROVINCIA. Estes orzamentos inclúen 6 proxectos de rehabilitación e reforma dos pavillóns do Fogar de Santa María, edificacións onde a entidade desenvolve o groso da súa actividade. Esta actuación, que se executará entre o 2008-2010, terá un custe aproximado de 2.500.000 euros. Para este exercicio resérvanse 750.483 euros. Recuperaranse os centros para a cidadanía, xa que a sede do INLUDES, deseñada por Bellido, un dos arquitectos máis importante de principios do século XX, “é unha masa arquitectónica destinada á administración pública única na provincia de Lugo pola súa construción”, afirmou Gómez Besteiro. No mesmo senso, porase en marcha un proxecto de reforma da Granxa Gayoso Castro, modernizando as súas instalacións e contemplando a redacción do proxecto para a construción dun centro de recría de xovencas, pioneiro en Galicia e que respostará amplamente ás demandas dos gandeiros da provincia. Para esta actuación, que estará financiada ó 100% pola Deputación, destinarase 958.645 euros. 3.- O terceiro obxectivo é a APERTURA A NOVOS SECTORES que ata o momento non foron obxecto de actividades por parte do Instituto, como é a pesca ou as enerxías renovables. Esta nova planificación ten a súa repercusión a nivel cuantitativo, sendo a causa principal do forte incremento no orzamento da entidade para o exercicio 2008. Deste xeito, Gómez Besteiro explicou que “se abre unha nova vía que permitirá participar na vida económica da provincia, que tamén quedará reflicitido no Plan Estratéxico que se está a elaborar, donde o INLUDES tamén terá unha aportación importante”. Enmarcado neste obxectivo, contémplase a recuperación dos dous Centros de Interpretación cos que conta a Deputación: Terras do Miño e Mazo de Santa Comba. Trátase dunha aposta pola divulgación medioambiental, incrementar o seu coñecemento a través de visitas guiadas consolidadas e, sobre todo, achegar estes Centros os máis xóvenes con modelos de sensibilización medioambiental. Para o desenvolvemento desta actuación destinaranse 90.000 euros.