Deputación de Lugo

Comeza na Mariña o programa de sucesión na empresa familiar sufragado ó 100% pola Deputación de Lugo

Gómez Besteiro, Lara Méndez e Melchor Roel reuníronse nun almorzo de traballo cos empresarios interesados no programa, pioneiro en España.

O Presidente invitou ó empresariado a ser aliado da Deputación para crear riqueza. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Vicepresidenta 2ª, Lara Méndez, e do Alcalde de Viveiro e Deputado Provincial, Melchor Roel, reuniuse nun almorzo de traballo en Viveiro cunha vintena de empresarios interesados en participar no “Programa de Sucesión na Empresa Familiar”. Trátase dun programa pioneiro en España, creado e sufragado na súa totalidade pola Deputación de Lugo e destinado ó afianzamento das empresas familiares e emprendedores da Mariña luguesa. O programa piloto comezará a finais deste mes na Mariña coa participación de 10 empresas familiares, seleccionadas entre os aspirantes. Contribuirá a afianzar o seu desenvolvemento e consolidación grazas a un tratamento integral da problemática familiar, xurídica e empresarial que se presenta no momento da sucesión. Éste é o asunto máis importante ó que deben enfrontarse as empresas familiares porque engloba, non só a dirección, senón a propiedade, sistema de goberno, modelo de xestión e un legado de valores que han de traspasarse de xeración en xeración. Gómez Besteiro destacou que “nos tempos que corren, este acto é moi importante para a Deputación de Lugo e, en especial, para a Mariña lucense. Grazas ó convenio asinado coa Fundación Crea no mes de xullo, hoxe podemos presentar nesta comarca un programa piloto en España para saber afrontar a sucesión nas empresas familiares”. O máximo mandatario provincial explicou que o feito de que o programa inicie a súa andaina Mariña luguesa non é unha casualidade: “Foi deseñado estratexicamente para relanzar a economía lucense e para que a Mariña ocupe o lugar que merece”. Neste senso tamén se manifestou a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez: “Hoxe é un día de dobre satisfacción para min. Como veciña da comarca da Mariña, porque coñezo as nosas potencialidades e os obstáculos que tivemos que sortear ó longo dos últimos anos, e como Vicepresidenta 2ª, porque estamos dando un xiro de 180 graos con respecto á implicación da Deputación no desenvolvemento da Mariña”. É un programa totalmente gratuíto para as PEMES, financiado ó 100% pola institución provincial. “Desde a Deputación temos un obxectivo claro: hai que imprimirlle a esta provincia o forte pulo socioeconómico que necesita. E nesta tarefa a nós non nos sobran socios. Nos nosos plans todos temos cabida e, sen vostedes, os empresarios, non podemos”, afirmou o Presidente. 2ª iniciativa empresarial Gómez Besteiro lembrou que se trata da segunda iniciativa empresarial que a institución provincial pon en marcha neste mes, despois da viaxe institucional a Sudamérica que sumou 40 actos en 3 países en tan só 8 días. “Tamén alí reunímonos cos empresarios e coas máis altas instancias institucionais para buscar socios económicos a favor de Lugo… e atopámolos. E tamén alí inauguramos unha programación formativa diferente a esta, xa que ía dirixida á consolidación de empresas, para que os veciños de Lugo que tiveron que emigrar poidan ter un futuro mellor e, desde onde vivan, contribuir ó crecemento económico de Lugo”. Aproveitando a súa estancia na Mariña, Gómez Besteiro quixo reiterar o “papel indispensable” de Melchor Roel na viaxe institucional: “Sería imposible chegar ás persoas que chegamos, ter novos aliados, socios económicos… sen a intervención de Melchor”. Desenvolvemento do programa Cun enfoque moi práctico e durante 8 semanas consecutivas os participantes terán sesións conxuntas e consultorías totalmente personalizadas, nos seus negocios ou onde dispoñan, para elaborar as súas estratexias futuras en áreas como a xurídica, económica-financieira, marketing e vendas, fiscal, novas tecnoloxías, etc. As sesións conxuntas están dirixidas por un consultor especialista e cun horario adaptado á disponibilidade dos participantes. Ó rematar, os participantes terán todos os programas relacionados coa consolidación da empresa familiar e a sucesión: Plan Estratéxico, Plan de Empresa, Protocolo Familiar e Plan de Sucesión. A planificación é a seguinte: 1ª semana: exposición do programa, análise e posición que ocupa a empresa no entorno actual, así como a problemática específica en relación coa sucesión; 2ª semana: diagnose e preparación da extratexia de futuro desde o punto de vista económico financieiro: compras, recursos humanos, produción, calidade…; 3ª semana: diagnose e preparación da extratexia na área de marketing e ventas; 4ª semana: exposición e análise dos aspectos mercantís e fiscais da empresa familiar; 5ª semana: seguemento da realización do Protocolo Familiar e do Plan Estratéxico/Plan de Empresa; 6ª semana: estudo das novas tecnoloxías da información e comercio electrónico aplicadas ás PEMES; 7ª semana: traballo de campo; 8º semana: preparación final do Protocolo Familiar e do Plan Estratéxico/Plan de Empresa.