Deputación de Lugo

A elaboración do sombreiro típico da zona de Noia centrará o segundo curso da programación de cestería de outono

Imaxe deputación de lugo
O obradoiro enmárcase dentro da modalidade de cestería tradicional galega

Este sábado dará comezo o segundo curso da programación de cestería de outono do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Deste xeito, durante a fin de semana, os artesáns aprenderán a técnica para construír o sombreiro típico da localidade coruñesa de Noia. O taller enmárcase dentro da modalidade de cestería tradicional galega e disporá dunha segunda parte que se impartirá no mes de outubro. O obradoiro, que rematará o domingo, impartirase no Centro de Cestería do río Rato e desenvolverase de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Dispón de 16 horas de formación, que serán impartidas polo artesán Carlos Fontales. Ten unha capacidade para 10 alumnos e está dirixido, ó igual que o resto da programación, a cesteiros profesionais, artesáns doutras disciplinas e ó público en xeral. O programa consiste na identificación de materiais e ferramentas, nunha breve descrición da peza e no comezo de elaboración de trenza de palla para a elaboración do sombreiro.