Deputación de Lugo

O VICEPRESIDENTE PRIMEIRO DA DEPUTACIÓN, ANTÓN BAO, PARTICIPOU NA PRESENTACIÓN DA TRADESCOLA

A TRADESCOLA será o primeiro centro formativo xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos e ofertará formación integral no eido da música e o baile tradicional

Profesionais de recoñecido prestixio formarán un equipo docente que impartirá ensinanzas para alumnado de todo o país O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, participou hoxe na presentación do primeiro centro de ensino da música e do baile tradicional promovido pola Asociación de Gaiteiros Galegos que se porá en marcha en Galiza. Este centro, situado na cidade de Lugo, levará por nome TRADESCOLA e pretende ser un novo centro de formación especializado, cunha proposta educativa estruturada destinada a que o alumnado adquira unha formación integral na música e no baile tradicional. No acto de presentación participaron, ademais do vicepresidente primeiro da Deputación, o Director Xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, a Delegada da Consellería de Vicepresidencia en Lugo, Branca Rodríguez Pazos, e o Secretario da Asociación de Gaiteiros Galegos, Xoan Manuel Tubío Fernández. Tamén estiveron presentes os mestres e mestras que formarán o equipo docente da TRADESCOLA. Na súa intervención o vicepresidente primeiro da Deputación sinalou que “este proxecto é un proxecto agardado e necesario dende hai moito tempo para Lugo e que, dende Lugo, vai estar ao servizo de moitos galegos e galegas que se achegarán á TRADESCOLA para aproveitar as ensinanzas que este estupendo equipo de mestres impartirán e que pronto converterán a este centro nun referente para a música tradicional galega”. Antón Bao fixo referencia á obriga que as institucións públicas galegas teñen en materia cultural “é unha responsabilidade das institucións galegas crear estruturas e poñer os medios necesarios para que as manifestacións máis xenuínas da nosa cultura pervivan no tempo e un dos mellores mecanismos é, sen dúbida, a posta en marcha de centros formativos como este”. Bao destacou tamén o feito de que a xestión do centro recaiga nunha entidade asociativa sen ánimo de lucro que nos máis de vinte anos de existencia ten amosado a súa solvencia e compromiso co país. MESTRES DE RECOÑECIDO PRESTIXIO NA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA A TRADESCOLA contará no seu equipo docente con 9 dos mellores mestres no eido música tradicional para impartir as aulas de: zanfona, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, linguaxe musical e etnografía e investigación. Os mestres e mestras implicados neste proxecto educativo son: Bruno Villamor, Emilio Mesias, Luis Correa “Caruncho”, Marisa Da Pereira, Montse Rivera, Pedro David Lamas, Uxia Cribeiro, Xela Conde, Xose Lois Romero Cajigal. Todos eles son recoñecidos profesionais e contan cun dilatado curriculo, como músicos e como docentes, no eido da música tradicional galega. A TRADESCOLA contará con catro aulas onde se impartirán as clases, unha sala de reunións e un despacho de administración. Esta situada no Complexo Residencial Xuvenil Lug II (Rúa Pintor Corredoira Nº 4 ). O custo da matrícula será de 90 € por materia para os socios da AGG e de 120 € para os non socios. Se un alumno se matricula en máis materias, terá un desconto nas mesmas de un 50%, tendo tamén a posibilidade de asistir a todas as materias ofertadas con un custo único de 200 €. A maiores, as aulas de linguaxe musical e de etnografía e investigación serán gratuítas para os/as alumnos/as da Tradescola. Na escola poderán inscribirse persoas de tódalas idades (nenos a partir de 7 anos), para niveles de iniciación ou perfeccionamento. As clases impartiranse en horario de tarde e de luns a venres.