Deputación de Lugo

Éxito do stand de “Km0” en Artesanfroilán

Imaxe deputación de lugo
O primeiro día esgotáronse 2.000 dípticos e 1.500 persoas pediron información sobre este programa de visitas

A presenza do stand de “Km0” na feira Artesanfroilán está a ser todo un éxito. No primeiro día do San Froilán, unhas 1.500 persoas solicitaron información persoal sobre este programa de visitas institucionais no posto incluído na feira de artesanía que organiza o CENTRAD dentro dos festexos patronais da capital da provincia. Ademais, o pasado sábado esgotáronse 2.000 dípticos con información sobre esta iniciativa que é totalmente gratuíta para os participantes e que prende, por unha banda, divulgar o traballo que desenvolve a Deputación e, por outra, dar a coñecer ós lucenses a súa provincia. A demanda para participar en “Km0” está a ser altísima, e as prazas para grupos e asociacións están practicamente esgotadas nos vindeiros meses. Para facilitar a participación de particulares, reserváronse varias datas nas que aínda se poden inscribir. Ribeira Sacra Polo que se refire a esta semana, veciños de Foz, Monterroso e Sarria visitarán a Ribeira Sacra, que segue a ser o destino máis demandado das 89 rutas de “Km0. Este martes un grupo do Club de Petanca de Monterroso foi recibido pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, no Pazo de San Marcos. Estes veciños da Ulloa elexiron o Centro de Artesanía e Deseño como vista complementaria e, a continuación, desprazáronse ata o sur da provincia, onde fixeron unha viaxe en catamarán polos canóns do Sil. Os participantes nas rutas do mércores e o xoves tamén coñecerán a Ribeira Sacra grazas a “Km0”. Mañá varios membros da asociación de inmigrantes do Concello de Sarria visitarán o Mazo de Santa Comba e os canóns do Sil, ó igual que o grupo do Club Naútico de Foz que tamén optou para o día seguinte por esta mesma ruta.