Deputación de Lugo

O director da Axencia Estatal Antidopaxe ofreceu unha conferencia no Pazo da Deputación convidado pola Área de Deporte da Deputación e a Fundación Azkar

O responsábel da Área de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, recibiu e presentou ao relator, Francisco J. Martín del Burgo Simarro, experto coñecedor da problemática da dopaxe no deporte

O delegado da Área de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, recibiu esta tarde o director da Axencia Estatal Antidopaxe, Francisco Javier Martín del Burgo Simarro, quen impartiu no Salón de Actos do Pazo de San Marcos un relatorio enmarcado dentro do programa de actividades deseñado para os próximos meses pola Fundación Azkar en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación. No acto tamén estivo presente o secretario da fundación organizadora, Manuel Vázquez Corredoira, que agradeceu a colaboración da Área de Deporte da Deputación e a propia presenza dunha autoridade no eido da dopaxe deportiva como Francisco J. Martín del Burgo. Antes da conferencia, durante a recepción no seu despacho, Antonio Veiga fixo entrega ao director da Axencia Estatal Antidopaxe dunha réplica dun batuxo feita a man, como agradecemento no nome da Área de Deporte pola súa presenza na Deputación lucense. No momento da presentación, o responsábel de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, fixo un resumo do longuísimo currículo que avala a cualificación do relator, a quen confiou como a persoa máis preparada para falar da importancia de pór en marcha iniciativas antidopaxe que promovan unha práctica saudábel nas distintas disciplinas deportivas. O delegado da Área de Deporte da Deputación salientou o labor realizado pola Fundación Azkar a través destes foros nos que se pretende debater sobre os últimos acontecementos que afectan directa ou indirectamente o eido do deporte. Nesta liña, Antonio Veiga lembrou que a formación e a educación dos deportistas son dúas ferramentas moi útiles para previr e loitar contra a dopaxe neste ámbito, de aí a importancia e transcendencia da conferencia impartida polo director da Axencia Estatal Antidopaxe. Na súa disertación, o director da Axencia Estatal Antidopaxe referiuse ás orixes da dopaxe no deporte como o principio da problemática por parte dos deportistas ao tentar mellorar o rendemento con substancias, nun principio, estimulantes, até chegar ao grado de complexidade que revisten os procesos de dopaxe actuais e, polo tanto, da súa detección, nunha práctica deportiva como é o ciclismo. Do mesmo xeito, Francisco Javier Martín del Burgo foi trazando unha perspectiva sobre como a dopaxe se pode perseguir e cales son as leis básicas que rexen o funcionamento da Axencia Estatal Antidopaxe, entrando noutras cuestións como os tipos de controis aos que se someten os deportistas, incluíndo referencias ao tratamento disciplinario e sancionador que se leva a cabo no caso dos resultados positivos. Á conferencia asistiu preto dun cento de persoas, entre os que se podían atopar recoñecidos rostros do panorama deportivo lucense, así coma autoridades vinculadas ao mundo do deporte na cidade amurallada.