Deputación de Lugo

O Centro de Artesanía e Deseño fabrica xerras de viño recuperando a tradición de Chantada

Imaxe deputación de lugo
Unhas 10 persoas participan neste obradoiro no que están a elaborar pezas que antigamente se empregaban para sevir ou medir o viño na bisbarra desta Comarca

O CENTRAD celebra dous cursos de iniciación á cestaría de vimbio con distintos horarios para atender a demanda dos participantes O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, está a celebrar esta fin de semana o obradoiro Fabricación de Xerras para viño. Trátase dunha xornada que se enmarca dentro da programación oficial de cursos de primavera, e na que se están a elaborar pezas que antigamente se empregaban para sevir ou medir o viño na bisbarra de Chantada recuperando esta tradición. O organismo provincial, a través do CENTRAD, organiza este curso dentro da súa aposta por impulsar, amosar, e recuperar as exclusivas técnicas artesanais que marcan e diferencian a cultura e a tradición da provincia lucense. Deste xeito, unhas 10 persoas están a realizar complexas pezas segundo as directrices dun artesán chantadino que xa non exerce a profesión. Adaptación de horarios Este luns, e ó longo de toda a semana, o Centro de Cestaría do Río Rato seguirá sendo escenario de dous obradoiros que tamén se inclúen na programación oficial de primavera. Son as xornadas Introdución á cestaría de vimbio que o Centro de Artesanía e Deseño celebra tanto pola mañá, de 10:00 horas a 14:00 horas, como pola tarde, de 16:00 horas a 20:00 horas. Deste xeito, o CENTRAD adapta o horario dos obradoiros atendendo a demanda dos interesados. Nesta ocasión, 20 persoas fabricarán cestos con base redonda, ovada e rectangular, empregando as técnicas máis sinxelas da cestaría.