Deputación de Lugo

A DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE DA XUNTA DE GALIZA E A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN DE LUGO PROMOVERÁN A MÚSICA TRADICIONAL A TRAVÉS DUN PROTOCOLO DE COLABORACIÓN

Á través deste protocolo de colaboración, presentado hoxe, ámbalas dúas institucións promoverán a realización de actividades de promoción, difusión e aprendizaxe da nosa música tradicional

O centro promovido dende a Vicepresidencia da Xunta e a Área de Cultura da Deputación complementará o traballo das asociacións que hoxe adican esforzos ao ensino da música tradicional LUGO, 02 DE XULLO. Presentouse o protocolo de colaboración entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galiza e a Deputación Lugo para a promoción da música tradicional. A sinatura deste convenio asistiron, por parte da Deputación, o vicepresidente, Antón Bao e por parte da Xunta de Galiza o director xeral de xuventude, Rubén Cela e a delegada provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, Branca Rodríguez Pazos. Neste acto tamén estivo presente Xaneco Tubio en calidade de secretario da Asociación de Gaiteiros Galegos. Este protocolo de colaboración ten por obxecto o establecemento dun marco de colaboración entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Deputación de Lugo, para a realización de actividades de promoción, difusión e aprendizaxe, entre a xuventude lucense, da nosa música tradicional e da súa historia. Segundo informou o Vicepresidente da Deputación “os obxectivos establecidos neste protocolo materializaranse a través da posta en funcionamento dunha escola de música tradicional que servirá como centro de estudo e análise desta parte fundamental do noso patrimonio inmaterial”. A escola centrará a súa actividade en ofertar unha ensinanza de calidade impartida por persoal estable e con experiencia acreditada neste tipo de formación. Para que a escola funcione coas debidas garantías a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galiza ofertará locais cos recursos axeitados dentro do centro LUG. Esta escola será o centro que servirá como motor para realizar accións formativas, seminarios, concertos didácticos, obradoiros e todas aquelas actividades que poidan servir para potenciar, difundir e normalizar a nosa música tradicional. A actividade da escola, aínda que centrada en Lugo, trasladarase a través de diversas accións formativas ás distintas comarcas de Lugo. Antón Bao indicou que a xestión da escola e a coordinación das actividades que, emanadas deste centro, se realicen nas distintas comarcas e concellos de Lugo vai a estar en mans da Asociación de Gaiteiros Galegos. Segundo Antón Bao “é unha garantía contar coa Asociación de Gaiteiros Galegos para botar a andar este ambicioso proxecto, e apostamos por unha entidade asociativa como a AGG, consolidada e abalada por máis de vinte anos de traballo, por que entendemos que o modelo asociativo debe de ser un dos piares para a conservación da nosa cultura”. A Asociación de Gaiteiros Galegos garantirá, coa súa xestión, un modelo de escola no que os modernos sistemas do ensino se apliquen á hora de transmitir ao alumnado a esencia da nosa música tradicional. UN BALEIRO QUE LUGO PRECISABA ENCHER Este centro cubrirá o baleiro formativo existente en Lugo nesta materia e será, sen dúbida, centro de referencia para todo o país. Tamén achegará a posibilidade de formarse a alumnado procedente da Coruña e Ourense, onde a oferta formativa esta relegada ó ensino de instrumentos tradicionais, sin que existan propostas educativas que integren todas as disciplinas da música tradicional. A implantación deste centro será complementaría coa actividade que as asociacións, escolas de música e conservatorios están a facer no eido da música tradicional. A filosofía da escola será integradora e tratará de colaborar coas entidades antes sinaladas para actuar de xeito coordinado e cubrir as eivas que ata o de agora o ensino da música tradicional tiña en Lugo. Impartiranse aulas das distintas disciplinas vencelladas á música tradicional e contarase con ensinantes de prestixio contrastado para garantir un ensino de calidade.