Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo aproba o primeiro Plan Económico Financieiro para garantir o cumprimento das débedas históricas e reforzar o papel de SUPLUSA

O Presidente afirmou que este Plan permite recuperar a estabilidade orzamentaria nun prazo máximo de tres anos e, o que é máis importante, “sen deixar de investir”

O Presidente da Deputación conseguiu a aprobación no Pleno deste martes do primeiro Plan Económico Financieiro da Deputación de Lugo deseñado para un periodo de 3 anos en cumprimento da normativa sobre Estabilidade Presupostaria que deben acatar as administracións. José Ramón Gómez Besteiro, afirmou que “este Plan é unha obriga legal, e para nós política, que permite á Deputación ser previsora e responsable porque garante a estabilidade orzamentaria nun prazo máximo de tres anos e sen deixar de investir”. O Presuposto da Deputación de Lugo de 2008 require un financiamento externo de 21.688.121 euros que, segundo puxo de manifesto Gómez Besteiro, está perfectamente motivado e débese a dúas razóns de gran calado: “Por unha banda, afrontar as débedas históricas nunca pagadas por esta Deputación, como o canon hidroeléctrico, a UNED, a rede provincial de parques de bombeiros ou a transferencia dos hospitais e, por outra, reforzar o papel de SUPLUSA para promover a compra e urbanización de terreos destinados á creación de solo industrial”. Anunciou que para o primeiro hai un crédito contemplado nos Orzamentos de 8 millóns de euros e para Sociedade Urbanística outro de 12 millóns. O máximo responsable provincial aclarou que non é a primeira vez que esta Deputación ten un saldo negativo. “Avaliando os datos dos anos anteriores, atopámonos con que en 2003, 2005, 2006 e 2007 ocorría o mesmo. E máis, en 2006 este saldo negativo acadaba os 55.670.792 euros. O que pasa é que antes non existía a figura legal do Plan Económico Financieiro e antes non se chegaban a investir os cartos”, explicou. En todo caso anunciou que “as previsións indican que a finais de 2008 o organismo provincial cumprirá a estabilidade orzamentaria, polo que, en caso de axustarse así, este Plan Económico Financeiro xa non sería necesario”. Endebedamento das Deputacións galegas O Presidente dixo que os datos sobre o endebedamento da Deputación de Lugo, o menor de Galicia, non reflicten unha xestión saneada no pasado, senón a falta de xestión política por parte dos anteriores responsables provinciais. “Aforrar non significa deixar de investir”, subraiou, e se preguntou cómo pode presumir o PP dunha economía saneada cando estaba todo sen facer nesta provincia. Gómez Besteiro comparou as catro Deputacións galegas. Fronte ó 16,48% do endebedamento da de Lugo -a Lei permite un máximo de endebedamento dun 110% dos recursos correntes-, a de Ourense acada unha porcentaxe do 107%, a de Pontevedra do 70,26% e a da Coruña do 57,86%. Unha nova obriga legal O Presidente provincial lembrou que o Plan é unha nova obriga legal en cumprimento da normativa sobre Estabilidade Presupostaria (Real Decreto 1546/2007). “Tendo en conta que o decreto é do ano 2007, é a primeira vez que a Deputación de Lugo ten este Plan”. Ocorre o mesmo noutras institucións provinciais como as de Córdoba ou Huesca, por exemplo. Tamén destacou a rapidez coa que se elaborou o documento, xa que malia que a Lei da un prazo de tres meses desde a aprobación dos presupostos, “a Deputación de Lugo presentou o Plan en tan só un mes, xa que o Orzamento de 2008 quedou definitivamente aprobado o 20 de xuño”. O mandatario provincial destacou que a Lei de Estabilidade Presupostaria limita ás administracións que están moi endebedadas para que non incrementen esta porcentaxe, ó tempo que deixa pouca marxe para endebedarse ás que o están pouco, como é o caso da Deputación luguesa. “De feito, neste senso, a norma é máis dura cos que teñen una economía saneada que cos que están moi endebedados”. Valoración dos postos de traballo dos hospitais A Corporación provincial aprobou a valoración de postos de traballo do Hospitais provinciais de San Xosé e San Rafael que contaba co aval do acordo acadado na Mesa Xeral de Negociación, formada pola Xunta de Persoal, o Comité de Empresa e os catro sindicatos: CIG-CC.OO, CSI-CSIF e UXT. O acordo, que é un paso fundamental dentro do proceso de transferencia dos hospitais ó SERGAS, afecta a 230 traballadores e ten efectos retroactivos desde o un de xaneiro de 2008 e supón un incremento do custe anual de 256.376 euros. Os resultados da valoración desterminarán o Complemento de Destino e o Complemento Específico de cada posto. Estes resultados aplicaranse a partir de a aprobación definitiva hoxe no pleno e da incorporación á RPT (Relación de Postos de Traballo) da Deputación. De todos os xeitos, o Deputado de Réxime Interior, Melchor Roel, aclarou que, con independencia dos resultados da valoración, en ningún caso se van derivar consecuencias negativas para as retribucións dos traballadores. O Pleno tamén aprobou dúas mocións do grupo de goberno. Nunha delas, a Deputación rexeita á proposta da directiva da Unión Europea que pretende ampliar o tempo máximo de traballo semanal a 60 horas por entender que socava os alicerces do dereito laboral comunitario. Pola contra, o organismo provincial expresa o seu apoio ó actual tempo de 48 horas, que vén rexendo as relacións laborais desde 1917, así como a súa confianza no diálogo social e na negociación de acordos entre os axentes sociais no ámbito laboral. A outra moción está relacionada coa designación de Ramón Piñeiro como figura a homenaxear o próximo día das Letras Galegas.