Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo organiza as Xornadas sobre
o Corzo na Fonsagrada

Imaxe deputación de lugo
O Deputado de Medio Ambiente inaugurará as xornadas que se desenvolven a fin de semana no Concello fonsagradino

O Deputado de Medio Ambiente, Ricardo Parada, inaugurará mañá as Xornadas sobre o Corzo que se desenvolven esta fin de semana no Concello da Fonsagrada. Deste xeito, durante o sábado e o domingo, abordaranse aquelas cuestións que afectan á xestión do corzo en Galicia e ofrecerase un curso de guía de axexo, entre outras cuestións. Son as primeiras xornadas que se celebran no Concello fonsagradino destas características. Están organizadas pola Deputación de Lugo e a Federación Galega de Caza, en colaboración coa Sociedade de Caza da Fonsagrada, Grupo Corzo, Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e o propio Concello. Distintos especialistas, como o Doctor en Socioloxía e Catedrático da Universidade de Castela A Mancha, Patxi Andión, ou o Profesor da Universidade de Santiago de Compostela e Coordinador do Grupo Corzo da Real Federación Española de Caza (RFEC), Luis Fidalgo, disertarán sobre os conceptos xerais da bioloxía do corzo aplicados á súa xestión e aproveitamento cinexético, ademais de expoñerse o modelo da “Sociedade de Caza e Pesca da Fonsagrada” como mostra de xestión social do corzo. A inscripción é gratuíta seguindo a orde de entrada ata cubrir as prazas. Rematarán o domingo, 13 de xullo, cunha saída ó monte, evisceración e preparación previa da peza e do trofeso e cun xantar campestre que servirá para clausurar a actividade.