Deputación de Lugo

Os petroglifos de Proendos, destino da segunda vista do programa Km0

Gómez Besteiro afirma que a Deputación potenciará o medio ambiente, “o máis importante que ten Lugo”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este mércores no Salón de Actos do Pazo provincial ó segundo grupo que participa no programa de visitas Km0 que onte se puxo en marcha. Nesta ocasión, son 36 membros da asociación de veciños Irmáns Pedrosa, do barrio lugués de Montirón. Na recepción, Gómez Besteiro dixo ós participantes que “é moi importante que cando volvan falen con outra xente do que viron hoxe. Entre todos temos que facer país. Pretendemos que este programa, ademais de dar a coñecer a provincia ós lugueses, beneficie ó pequeno autónomo que é un dos piares fundamentais que sostén a nosa economía”. O titular provincial tamén afirmou que “o medio ambiente é o máis importante que ten Lugo. Aquí hai mar, ríos, rías, montaña, etc. Desde a Deputación queremos potenciar a grande variedade medioambiental da nosa provincia”. Ademais do Pazo de San Marcos, a ruta de hoxe inclúe visitas ó Centro de Artesanía e Deseño e á Ribeira Sacra. No sur da provincia haberá unha degustación na adega de Noguedo, e visitas ó mirador e á igrexa de Cadeira, e ós petroglifos e a igrexa románica de Proendos. O xantar será na cantina de Doade. Éxito da primeira visita A visita que inaugurou Km0, na que participou un grupo do Club Cultural Valle-Inclán, rexistrou un resultado moi positivo. Na enquisa que se repartiu ó remate da viaxe, a maioría dos participantes deu a máxima puntuación. A ruta prevista para mañá tamén será á Ribeira Sacra, e incluirá o Mazo de Santa Comba. Para a vindeira semana haberá varias rutas á Mariña.