Deputación de Lugo

Gómez Besteiro participa nunha camiñata polo Paseo do río Rato xunto cun cento de veciños

O Presidente da Deputacion destaca este tipo de iniciativas para dar a coñecer ós lucenses o “grande patrimonio medioambiental que ten a nosa provincia”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este sábado nunha camiñata popular polo Paseo do Rato, unha parte do cinto verde da cidade que depende do organismo provincial. Esta iniciativa, que non tiña carácter competitivo e na que participou máis dun cento de persoas de todas as idades, estivo organizada dentro do convenio entre a Deputación e a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo para a dinamización das zonas verdes. Gómez Besteiro destacou a importancia deste tipo de actividades “para que os lucenses coñezamos e valoremos a grande riqueza medioambiental e paisaxística que ten a nosa provincia e, neste caso concreto, o Concello de Lugo”. O responsable provincial lembrou que o 55% do territorio da provincia está declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO, e que a Deputación ten en marcha o Lug02, un ambicioso proxecto financiado pola Unión Europea para promover a economía medioambiental nos espazos naturais protexidos. Na camiñata, o Presidente estivo acompañado polo Concelleiro de Deportes do Concello de Lugo, José Manuel Díaz Grandío, e por varios representantes da Federación de Asociacións de Veciños, e animou ós lucenses a que participen neste tipo de iniciativas nas que se combina a actividade física co contacto coa natureza. A camiñanta, de 8 quilómetros de lonxintude, tivo a Tolda como punto de partida e de retorno, e chegou ata a Ponte Romai. No Paseo do río Rato están os hortos que promove a Deputación, así como Centro de Interpretación do Río Rato e o Centro de Cestería dependente do Centro de Artesanía e Deseño.