Deputación de Lugo

UNHA SERIE DE CONFERENCIAS SERVIRÁN PARA CONMEMORAR A CLEBRACIÓN DO 90 ANIVERSARIO DA ASEMBLEA NACIONALISTA DE LUGO

Un convenio asinado entre a Área de Cultura da Deputación de Lugo e a ASPG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) servirá para coñecer A Galiza das Irmandades dende - Unha perspectiva actual

O convenio recolle, tamén, a posta en marcha do programa para nais e pais Aprender para Ensinar nas comarcas de Lugo O salón de actos da Deputación de Lugo acollerá un ciclo de conferencias que levará por título A Galiza das Irmandades- Unha Perspectiva Actual. Estas conferencias están vencelladas á celebración do 90 aniversario da Asemblea Nacionalista de Lugo que se celebrou na cidade amurallada en novembro do 1918. O ciclo de conferencias e as actividades paralelas programadas a redor da celebración do 90 aniversario da Asemblea Nacionalista de Lugo están organizadas pola Área de cultura da Deputación de Lugo e coordinadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG) ao amparo do convenio de colaboración establecido entre ambalas dúas entidades. A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG) é o movemento de renovación pedagóxico decano en Galiza con máis de 30 anos de historia que avalan a súa traxectoria de traballo no eido do ensino e da formación. O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, e o presidente da ASPG, Xoan Costa presentaron hoxe as conferencias e actividades que se porán en marcha a partir do día 18 de novembro e que terán continuidade ata o 31 de xaneiro do vindeiro ano. Ademais das coferencias están programados roteiros pola cidade para coñecer mellor cal é a parte da historia do nacionalismo que se xestou na cidade de Lugo. Antón Bao lembrou que “a primeira asamblea nacionalista supuxo o nacemento do moderno nacionalismo galego e a data desa asemblea que se celebrou en Lugo forma parte da historia do nacionalismo galego”. Nesta primeira asemblea redactouse o manifesto que contiña os obxectivos que, naquel momento, se marcaron os membros das irmandades da fala e que, segundo Antón Bao, continúan vixentes hoxe en día. Serán nove conferencias nas que se desenvolverán aspectos relacionados cos apartados do manifesto nacionalista do 1918. Estas conferencias presentan como novidade un formato mixto no que se permite que asista o público en xeral e tamén docentes aos que se lles recoñecerá a homologación das xornadas. As xornadas A Galiza das Irmandades- Unha Perspectiva Actual estarán homologadas para ensinantes e está no ánimo dos organizadores que as xornadas teñan repercusión no mundo do ensino para que os máis novos coñezan esta parte da historia do noso país a través das ensinanzas dos seus mestres e de unidades didácticas. PROGRAMA DE ACTIVIDADES Coincidindo co 90 aniversario da Asemblea Nacionalista de Lugo, novembro 1918, a AS-PG e a Deputación de Lugo desenvolverán un conxunto de actividades centradas en torno a unha serie de conferencias e unha exposición divulgativa sobre a Galiza das Irmandades. Así mesmo, estas conferencias complementaranse cun par de roteiros guiados pola cidade. Os obxectivos son dar a coñecer esa etapa histórica de Galiza cunha orientación didáctica que permita elaborar materiais de aula a partir dos relatorios e as actividades posteriores. As conferencias desenvolveranse segundo segue: 1.- A vixencia do Manifesto de 1918. Francisco Rodríguez. Día 18 de novembro 2.- A organización territorial (Mesa redonda con responsábeis políticos). Día 19 de novembro . Maximino Fernández, PPdeG . Pablo López Vidal, PSdeG . Pablo González Mariñas, BNG 3.- Do local ao nacional. Xoán C. Garrido. Día 2 de decembro 4.- A soberanía estética. Encarna Otero. Día 3 de decembro 5.- Prensa en construción. Margarita Ledo. Día 4 de decembro 6.- Os dereitos civís. Pilar García Negro. Día 8 de xaneiro 7.- Réxime económico. Xosé Díaz. 15 de xaneiro 8.- A Lingua, o ensino e a cultura. Antón Bao. Día 16 de xaneiro 9.- Lugo desde os nosos ollos, paseo pola historia e as súas xentes. Lois Diéguez. Sábado 31 de xaneiro Esta serie de conferencias celebraranse do 18 de novembro de 2008 ao 31 de xaneiro de 2009, ás 20:00 horas, salvo o 31 de xaneiro que será de 10 a 13:00 h. Lugar: Salón de actos da deputación de O PROGRAMA APRENDER PARA EDUCAR ESTARÁ EN CHANTADA, MONDOÑEDO, A PASTORIZA E BURELA Este programa de formación pretende ser punto de reunión e encontro de todas aquelas persoas interesadas na educación dos seus fillos e fillas, contribuíndo á creación de grupos que, máis alá das actividades propiamente formativas e cunha dinámica activa e participativa, se convertan nas asociacións de pais/nais dos seus Centros en motores dunha renovación e dunha toma de conciencia a respecto do papel básico que a familia debe xogar na educación dos nenos e nenas e que traballen na busca da comunicación entre os seus membros e contribúan coas súas reflexións e posta en común á mellora da educación. As charlas desenvolveranse no concellos de Chantada, Mondoñedo, A Pastoriza e Burela. A estes concellos achegaranse refutados especialistas para impartir 6 charlas en cada un dos concellos.