Deputación de Lugo

A creación de emprego e as novas tecnoloxías, principais apostas do Orzamento INLUDES 2009

O Presuposto ascende a 15 millóns de euros, o que supón máis dunha cuarta parte con respecto o de 2008

Gómez Besteiro destacou que o Orzamento persegue “conseguir o desenvolvemento económico da provincia e demostrar que o INLUDES é un organismo dinámico na captación de financiamento externo para Lugo” O CENTRAD, con 1.326.880 euros, transformará a Capela de Santa María nun centro innovador de referencia en Galicia. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, presentaron este luns o Orzamento do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) para o ano 2009, e que ascende a 15 millóns de euros. Gómez Besteiro destacou que “na Deputación de Lugo temos unha teima: conseguir o desenvolvemento económico da provincia. Por iso, ademais das medidas que vostedes xa coñecen -como por exemplo o Fondo Extraordinario que creamos dun xeito voluntario para os Concellos da provincia dotado con preto dun millón cincocentos mil euros- temos unha ferramenta económica extraordinaria: o INLUDES”. Os Presupostos foron aprobados esta mañá polo Consello Reitor do INLUDES. No caso do exercicio 2008, o Orzamento rozaba os doce millóns de euros e no 2009 aumentouse un 26,12%. É dicir, incrementouse máis dunha cuarta parte do actual: en concreto 3.127.272 euros máis. “Aumentamos o Orzamento máis dunha cuarta parte e dun xeito máis eficaz para as arcas provinciais porque conseguimos demostrar que o INLUDES é un organismo dinámico na captación de financiamento externo para esta provincia. Soubemos captar fondos europeos que nos permitiron aforrar cartos da Deputación”. Isto deu os seus froitos: no 2008 a Deputación transfería ó INLUDES O 81,23% dos seus ingresos. No 2009 a porcentaxe redúcese ó 69,25% porque captamos fondos europeos. “E todo isto, respectando o Plan Económico-Financeiro da Deputación de Lugo, ese documento que nos asegura a estabilidade orzamentaria”, afirmou o Presidente. Grandes liñas do INLUDES para o ano 2009 O responsable provincial explicou que o Orzamento do INLUDES persegue catro liñas estratéxicas de traballo: 1ª.- CREAR EMPREGO E FOMENTAR A INDUSTRIA: fundamentalmente a través do programa Pacto Provincial polo Emprego, un proxecto xa aprobado e respaldado pola Unión Europea. “Atacará o desemprego na provincia desde unha nova óptica: implicando na súa execución ós axentes socioeconómicos de toda a provincia. Ten un obxectivo claro: detectar os novos xacementos de emprego e formar ás personas desempregadas mediante itinerarios de inserción para acceder a eses novos postos de traballo”. Este proxecto ten un presuposto total de 3,4 millóns de euros e nestes presupostos contará cunha partida específica de 1.250.787 euros, triplicando a dotación do ano pasado. Para fomentar a industria, os autónomos terán unha partida específica de 463.500 euros, ademais doutras repartidas no Orzamento do INLUDES. “Segundo a evolución da economía, adaptaremos as liñas para uns fins ou outros”. 2ª.- APOSTAR POLAS NOVAS TECNOLOXÍAS: fundamentalmente través do ambicioso programa INNOVA-TE, xa aprobado e tamén respaldado pola Unión Europa. “Imos revolucionar e mellorar o funcionamento da administración local na provincia, incluída a propia Deputación de Lugo. Un dos obxectivos será eliminar a fenda dixital e, de xeito paralelo, incorporar o uso das novas tecnoloxías da comunicación ó sector empresarial”. Ten un orzamento total de nove millóns de euros e nestes presupostos terá unha partida específica de 3.220.000 euros. 3ª.- IMPULSAR ÓS SECTORES ECONÓMICOS DA NOSA PROVINCIA. Dentro desta liña, o Presidente da Deputación sinalou que se crearán proxectos gandeiros, agrícolas, forestais e pesqueiros: GANDEIRO: Continuarase co proxecto da reforma da Granxa provincial Gayoso-Castro para deixar de competir cos gandeiros da nosa provincia (abandonar a produción leiteira da granxa) e apostar polo Centro de Recría de xovencas, o primeiro que haberá desta magnitude en Galicia. Só este ano a Granxa terá unha dotación de 1.781.000 euros. AGRÍCOLA: Ten unha partida de 564.000 euros e vai moi parella á Granxa Gayoso-Castro e a novos estudos de horticultura que se van poñer en marcha. PESQUEIRO: Neste caso, explicou que “estamos a piques de rematar un proxecto moi interesante do que pronto lles falaremos”. FORESTAL: “A reforestación é a nosa aposta a través do programa “Arbórea”. Estará complementado polo programa medioambiental “Lug02”, dotado con 4 millóns de euros e que estamos executando desde a Deputación”. 4ª.- MELLORAR A ATENCIÓN ÓS CIDADÁNS E Ó TECIDO EMPRESARIAL. Neste senso, o titular provincial subliñou que “imos continuar coa ampliación e mellora dos servizos que prestamos ós cidadáns e empresas da provincia, para o que é condición necesaria a modernización da entidade. Incluímos anualidades para a rehabilitación e reforma dos pavillóns do Fogar de Santa María (exteriores, pavillón 1, arquivo e iluminación), todas elas edificacións onde o INLUDES centraliza a súa activade”. Ten unha dotación neste Orzamento de: 825.583 euros. Novo papel da Capela de Santa María Pola súa banda, a Vicepresidenta Segunda e responsable do INLUDES, explicou as políticas que seguirá esta entidade, así como o novo papel que terá a Capela de Santa María. O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación contará o vindeiro ano cun presuposto de 1.326.880 euros que persegue dúas liñas estratéxicas: fomentar os talleres tradicionais para seguir afondando nas nosas tradicións galegas e apostar polo deseño rompedor a través da Capela de Santa María. Deste xeito, Méndez, destacou que “converteremos a Capela nun centro de innovación referencial en Galicia, no núcleo das últimas tendencias de deseño e artesanía”. Asimesmo, engadiu que se está traballando na nova programación, de xeito que “presentaremos unhas coleccións moi escollidas ó ano, combinando ós nomes máis punteiros cos artesáns e deseñadores da nosa provincia”. A responsable do INLUDES lembrou tamén que a Xunta de Galicia, vén de recoñer como “colección visitable” o arquivo e o obradoiro musical do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación, que conforman unha colección única formada por un catálogo de instrumentos musicais que abarcan desde a Idade Media ata a actualidade. “Agora entramos na Rede Museística da Xunta e poderemos optar a distintas subvencións”. A exposición de instrumentos musicais contén máis de 400 pezas e, ademais, é a única de Galicia catalogada e a única de Europa no apartado de réplica de instrumentos medievais. Outros proxectos A Vicepresidenta Segunda sinalou, ademais, que haberá partidas específicas para a enerxía e as telecomunicacións (206.300 euros), incluídas na Axencia Provincial da Enerxía, “proxecto europeo que estamos pendentes da súa concesión, pero que crearemos con ou sen o apoio da Unión Europea”. Asimesmo, dixo que para os Centros de Interpretación destinaranse 692.418 euros, “co obxectivo de adaptar o Mazo de Santa Comba ás enerxías renovables e potenciar o de Terras do Miño. Ámbolos dous rexistran ó ano uns 10.000 visitantes”, e para outros proxectos europeos como: a) “Arbórea”, un proxecto de cooperación transfronteriza entre Galicia e o Norte de Portugal. “O seu obxectivo é a reforestación, como dicía o Presidente. Ímolo executar con ou sen fondos europeos. Neste Orzamento facemos unha gran aposta: aportamos unha anualidade de 263.500 euros (no 2008 era de 29.500)”. b) “Trobar”, tamén proxecto de cooperación, ten a finalidade de recuperación patrimonial a través dos instrumentos musicais, as partituras, etc. Terá unha dotación de 126.250 euros (no 2008 era de 18.000). c) “Paisaxes Culturais”, otro proxecto tamén de cooperación. Porá en valor as antigas liñas férreas. Ten unha anualidade de 396.000 euros (no 2008 era de 8.248). d) “Vías Atlánticas II”, tamén de cooperación. Pon en valor outros camiños: os itinerarios romanos. Xa rematamos “Vías Atlánticas I” e agora queremos completar a recuperación desde Lugo ata a provincia da Coruña. Poñemos unha anualidade de 192.300 euros, (no 2008 era de 8.120). e) “Partner-TIC”, apostar por crear unha rede de participación e servizos dixitais en territorios rurais. Leva unha partida de 225.569 euros. Descargar Orzamentos