Deputación de Lugo

O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN PARTICIPA NA INAUGURACIÓN DO TRAMO NADELA-SARRIA DO CORREDOR QUE UNIRÁ LUGO CON MONFORTE E QUE REDUCIRÁ Á METADE OS TEMPOS DE VIAXE NESTE PERCORRIDO

A Xunta está a investir preto de 260 millóns de euros no eixo de altas prestacións Lugo-Sarria-Monforte

A primeira parte deste corredor desconxestionará o tráfico da actual estrada autonómica que une Nadela con Monforte e que é unha das máis transitadas de toda a provincia de Lugo A CPTOPT modificou o proxecto inicial para asegurar a súa conversión en autovía no momento en que a densidade de tráfico o requira A vía dotouse dunha capa de asfalto especial que proporciona gran adherencia e resistencia ao deslizamento O resto do corredor entre Sarria e Monforte está xa adxudicado para posteriormente comezar as obras O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañou ó presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, á conselleira de Política Territorial, María José Caride, e ó conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, na inauguración do treito entre Nadela e Sarria que se corresponde coa primeira parte da vía de altas prestacións Lugo-Monforte (CG-2.2) na que a Consellería de Política Territorial está a investir uns 260 millóns de euros. A partir das 20.00 horas de hoxe quedará aberto este corredor que arranca na glorieta de Nadela (onde enlaza coa Autovía do Noroeste, A-6) e vai ata o enlace de Sarria Sur, un treito que alcanza os 26,8 quilómetros e que reducirá á metade os tempos de viaxe neste percorrido. Esta parte que hoxe se pon en servizo –e que supón practicamente a metade do percorrido entre Nadela e Monforte- atende especialmente ás necesidades de mobilidade da zona xa que absorberá a meirande parte do tráfico da actual estrada autonómica Nadela-Monforte (LU-546), que é unha das máis transitadas de toda a provincia de Lugo, cunha media de 11.000 vehículos ao día. Deste xeito, os tempos de viaxe entre Lugo e Sarria reduciranse á metade ao pasar dos 40 minutos que leva agora facer o percorrido pola estrada autonómica aos 20 minutos que se calculan polo corredor. O treito Nadela-Sarria forma parte do corredor entre Lugo e Monforte que se configura como o novo eixo de comunicación alternativo á actual estrada autonómica que, ademais de incrementar a seguridade viaria, mellora a accesibilidade de toda a zona sur da provincia de Lugo cara a autovía A-6 e contribúe a diminuír os tempos de percorrido. Así mesmo, esta infraestrutura responde a un dos obxectivos prioritarios do Goberno da Xunta para procurar o reequilibrio territorial entre as distintas zonas da Comunidade. Precisamente para atender ás demandas de mobilidade futura desta vía de altas prestacións, no que atinxe ao treito que hoxe entra en servizo, a Consellería de Política Territorial introduciu unha serie de melloras no proxecto orixinal de xeito que se garante a súa conversión en autovía no momento en que as condicións de tráfico así o requiran. Estas actuacións complementarias –ás que se destinaron uns 11 millóns de euros adicionais sobre o orzamento inicialmente previsto- incluíron obras como a estabilización de noiros de desmonte -de xeito que non haxa que realizar novos movementos de terras cando se acometa a transformación en autovía-, a explanación completa de enlaces -que evitará demolicións innecesarias de ramais do corredor no futuro-, a ampliación das cimentacións dos terrapléns, os viadutos, os pasos inferiores e as obras de drenaxe ou o deseño das estruturas dos viadutos con ancho completo de autovía. No resto do percorrido, entre Sarria e Monforte, a Consellería xa deseñou dende o primeiro momento un proxecto de corredor pensado para o seu desdobramento futuro. No que atinxe aos parámetros de seguridade, cómpre salientar que no tramo que se abre hoxe estendeuse unha capa de rodadura de altas prestacións que proporciona unha gran adherencia e resistencia ao deslizamento. Así mesmo, hai que ter en conta que o deseño das curvas dende o punto de vista técnico fai moi seguro o trazado para todos os usuarios, incluídos o colectivo de motoristas. Aínda así, a vía incorpora tamén os novos elementos de protección de motociclistas segundo a normativa vixente. Esta infraestrutura conta cunha calzada de 12 metros de ancho que inclúe dous carrís de 3,5 metros e dúas beiravías de 2,5 metros de ancho. A totalidade do corredor entre Lugo e Monforte ten uns 60 quilómetros de lonxitude dos cales practicamente a metade (26,8) quedan hoxe abertos á circulación. Case outros 4 -que se corresponden coa variante de Sarria Leste- están en execución. Os algo máis de 28 restantes están xa adxudicados para iniciar en breve as obras. CARÁCTERÍSTICAS TÉCNICAS DO TRAMO SARRIA-MONFORTE, QUE HOXE ABRE AO TRÁFICO Investimento total realizado: 100,2 millóns de euros Quilómetros: 26,8 Concellos que atravesa: Lugo, O Corgo, O Páramo e Sarria. Ademais da servizo ao concello de Láncara a través do enlace da Pobra de San Xiao Enlaces: 7 -Enlace de Nadela: Onde conecta coa autovía do Noroeste, coa estrada autonómica Nadela-Monforte e coa LU-11. -Enlace do Corgo: Conecta coa actual estrada Nadela-Monforte. -Enlace de Maceda: Enlaza coas vías autonómicas Nadela-Monforte e Lugo-Portomarín. -Enlace da Pobra de San Xiao: Dá servizo ao núcleo da Pobra de San Cibrao e ao do Páramo. -Enlace Sarria Norte: Conecta coa estrada Nadela-Monforte en Betote, coa Sarria-Becerreá e co polígono industrial de Mourelle a través dunha nova vía –actualmente en execución- que actuará como variante Leste de Sarria. -Enlace Sarria Centro: Enlaza coa estrada Sarria-Becerreá e da acceso ao núcleo urbano de Sarria -Enlace Sarria Sur: Conecta coa actual vía Nadela-Monforte á altura do núcleo de Callas e do que se servirán os tráficos con orixe-destino Monforte de Lemos mentres non se abra ao tráfico o resto do corredor entre Sarria e Monforte. Cómpre salientar que, tal como xa se menciona na descrición do enlace de Sarria Norte, a Consellería de Política Territorial está a construír a Circunvalación Leste de Sarria, que unirá o citado enlace coa estrada LU-636 (Becerreá-Sarria) á altura do polígono industrial de Mourelle. Trátase dun treito de 3,7 quilómetros de lonxitude que conta cun orzamento de 6,4 millóns de euros. Canto ás características técnicas, este tramo conta cun viaduto de 316 metros sobre o río Sarria e as vías de ferrocarril, dous pasos inferiores e dúas glorietas. A calzada deste treito terá 10 metros de ancho, que inclúen dous carrís de 3,5 metros e dúas beiravías de 1,5 metros. Pasos a nivel: Executáronse un total de 34 pasos a distinto nivel (12 superiores e 22 inferiores) co fin de asegurar a permeabilidade e restauración das comunicacións dos camiños e vías locais interceptadas polo trazado. O proxecto inicial contemplaba un total de 29, pero incluíronse 5 a maiores dos previstos. Viadutos: 3 -Viaduto do río Chamoso: 259 metros de lonxitude e 6 pilas -Viaduto do río Neira: 165 metros de lonxitude e 3 pilas -Viaduto de Sarria: 740 metros e 19 pilas Outras estruturas: -Paso sobre FFCC en Sarria: 27 metros de lonxitude. A construción deste paso supuxo unha reordenación da entrada a Sarria dende Portomarín que supuxo a eliminación dun paso a nivel con barreiras. -Ponte sobre o río Pequeno en Sarria: 29,5 metros de lonxitude Movemento de terras: -Excavacións e desmontes: 8,9 millóns de m3 -Terrapléns: 8,5 millóns de m3 -Solo estabilizado con cemento: 0,5 millóns m3 TREITO SARRIA-MONFORTE O eixe vertebrador Norte-Sur da provincia de Lugo quedará completado coa ampliación do corredor ata Monforte, obra na que Política Territorial está a investir un orzamento estimado de 151 millóns de euros. A obra divídese en tres treitos que son Sarria-Noceda, Noceda-A Áspera e A Áspera-Monforte, que suman un total de 28,5 quilómetros. A día de hoxe xa foron adxudicados e en breve comezarán as obras de Sarria-Noceda e A Áspera-Monforte, mentres que o restante entre Noceda e A Áspera está a piques de ser adxudicado definitivamente.