Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo pon en marcha o primeiro programa de visitas institucionais, pioneiro
en España

¿Km0. Deputación de Lugo”, totalmente gratuío, está dirixido a todos os colectivos e entidades da provincia de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este mércores o programa de visitas institucionais de carácter medioambiental e comercial dirixido a todos os colectivos e entidades da provincia. Gómez Besteiro destacou que se trata dun programa pioneiro en España e o primeiro destas características que pon en marcha a institución provincial. Neste senso, o máximo mandatario provincial sinalou que “hai aproximadamente un mes anunciabamos que nesta Casa se estaba traballando nun programa de visitas institucionais e hoxe podemos dicir que pasamos do dito ó feito. Nesta campaña queremos que a xente coñeza a Deputación baixo a premisa de que os mellores promotores da provincia teñen que ser os lucenses e de que sexamos conscientes do que temos para podelo vender mellor”. ”Km0. Deputación de Lugo” é o nome deste programa, unha ambiciosa iniciativa da Presidencia da Deputación que se dirixe a todos os colectivos e entidades, principalmente da provincia de Lugo. O seu desenvolvemento non terá ningún custe para os participantes. “Queremos que haxa visitas institucionais na Deputación e a xente vexa a institución a través dun itinerario sen límites, sen ningún custe para o participante. Faremos unhas visitas á provincia partindo deste Km0”. O proxecto, que conta cun orzamento inicial de 120.000 euros, dispón de 88 rutas pechadas de carácter medioambiental e comercial. Está integramente organizado por la institución provincial, de xeito que a Deputación se fará cargo dos desprazamentos e os gastos que se ocasionen. Tres departamentos veranse implicados de forma directa nesta iniciativa: Protocolo, Medio Ambiente e Comercio. Este xoves farase a presentación oficial do proxecto que se celebrará ás 20.00 h. no Salón de Actos da Deputación. Están invitadas todas as persoas que así o desexen. Obxectivos do programa Gómez Besteiro destacou que o programa responde a tres obxectivos fundamentais: 1.- En primeiro lugar, abrir a institución ós veciños de cada un dos Concellos da provincia. O titular da Deputación destacou que “queremos abrir as portas da Deputación ós seus verdadeiros protoganistas: os veciños de cada un dos Concellos e que, por fin, se sintan na súa propa casa”. Neste senso, o Presidente provincial matizou: “queremos explicar para qué serve a Deputación de Lugo, que a xente comprobe e saiba no que traballamos e que se coñezan as instalacións da Deputación e os outros edificios e centros como o INLUDES, o Centro de Artesanía e Deseño, o río Rato e o Pazo de Tor”. 2.- En segundo lugar, reivindicar o orgullo de ser lucense, sendo os veciños os verdadeiros promotores das súas zonas. “O que se pretende é que os veciños se sintan orgullosos da riqueza medioambiental, a industria e o comercio. Valoramos o que coñecemos e neste tempo constatamos que a provincia é unha grande descoñecida para os propios lucenses. Imos poñer en valor o noso medio ambiente e o noso comercio”. 3.- O último obxectivo responde á necesidade de incentivar a economía provincial a través do medio ambiente e do comercio, así como dos sectores produtivos que identifican a provincia. “Este programa promocionará a provincia, fomentará o comercio interior, as compras e as viaxes durante a semana, sen competir coas fins de semana”. Destinatarios Na consecución deste dobre labor invitouse a preto de 5.000 colectivos de todo ámbito da provincia e tamén ós Concellos a participar neste ambicioso programa. “Este é un programa para todos. Non queremos que ningún colectivo da provincia quede sen coñecer esta Casa e á que nos adicamos”, engadiu Gómez Besteiro. Segundo as previsións, estímase que poden participar ó ano preto de 6.000 persoas pertencentes a todo tipo de colectivos da provincia. “Estamos seguros de que estes participantes serán os mellores embaixadores da provincia e que a repercusión social será moito maior.” As visitas comezarán en setembro deste ano e, nesta primeira etapa, finalizarán en xullo do 2009. Para formalizar a inscrición é preciso cubrir unha instancia que se cursará alomenos con 15 días de antelación á data prevista para a visita, a través de fax, da web específica do programa www.km0.deputacionlugo.org que se está ultimando ou do correo ordinario. A inscrición vai dirixida ó Servizo de Protocolo da Deputación. Para calquera dúbida, tamén se pode chamar ó teléfono: 982 26 00 75. Descargar programa de rutas Km0