Deputación de Lugo

POR PRIMEIRA VEZ CELEBRARASE EN LUGO UN CAMPIONATO DE ESGRIMA PUNTUABLE PARA O CAMPIONATO DE ESPAÑA

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, presentou o I RANKING GALEGO OFICIAL DE ESPADA que se celebrará o domingo día 2 na cidade de Lugo

O salón de actos da Deputación de Lugo acolleu hoxe a presentación da I Ranking Galego Oficial de Espada de LUGO organizado pola Federación Galega de Esgrima por medio do Club Lugo Esgrima. Nesta presentación participaron o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao Abelleira, o Presidente do Comité Organizador e Presediente do Clube Lugo Esgrima, José Goas Jul. É a primeira vez que se celebra en Lugo un campionato destas características que, segundo estima a organización, reunirá a máis de 60 participantes este domingo día 2 de novembro a partir das 10:00 horas no pavillón Duquesa de Lugo. A esta proba puntuable para o campionato de España acudirán deportistas de toda Galiza e do resto do estado español. Ademais das categorías Campionato Femenino Absoluto e Campionato Masculino Absoluto tamén se celebrará a modalidade de Campionato M-15 que é para rapaces e rapazas menores de 15 anos. Antón Bao sinalou na presentación que “esta é unha mostra do empeño que mantemos na vicepresidencia primeira, e concretamente na área de deportes da Deputación, por apoiar a todas especialidades deportivas e dando unha especial cobertura a deportes minoritarios que, como é este caso, contan con poucos practicantes a pesar da súa espectacularidade”. O CLUBE DE ESGRIMA DE LUGO TEN NAS SÚAS FILAS Á CAMPIONA GALEGA JUNIOR O clube de esgrima de Lugo conta con preto de vinte tiradores e tiradoras que practican as distintas especialidades da esgrima: espada, florete e sable. Entre os practicantes de esgrima do clube esgrima de Lugo está a campiona galega junior, do ano 2007, Lucia Seijas. Os federados e federadas da esgrima en Lugo realizan os seus adestramentos no Pazo Universitario, dependente da Área de Deportes. En contra do que poida parecer a equipación para competir en esgrima pode atoparse, para principiantes, en prezos que rodan os 200 euros.