Deputación de Lugo

Clausurada a exposición XI Premio Internacional de Fotografía Humanitaria Luis Valtueña que estivo exposta na Capela de Santa María

Imaxe deputación de lugo
A mostra, que se incluíu dentro da oferta do CENTRAD para as festas de San Froilán, trasladarase a Ourense

Este domingo, 26 de outubro, clausurouse a exposición XI Premio Internacional de Fotografía Humanitaria Luis Valtueña, que permaneceu exposta ó público desde o 2 de outubro na Capela de Santa María. A mostra, que se trasladará a mediados do mes de novembro a Ourense, foi unha das actividades organizadas polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación para as Festas de San Froilán, xunto coa duodécima edición da feira Artesanfroilán. O humanitarismo, o compromiso e a solidariedade constituíron a esencia da exposición. A través de 29 fotografías, os asistentes puideron comprobar a realidade e o sofrimento das persoas que padecen a diario as inxustizas das guerras ou os efectos de enfermidades que non poden ser atentidas pola escaseza de recursos. A instantáneas, que puideron ver os asistentes que visitaron estes días a Capela de Santa María, foron as imaxes seleccionadas para optar ó premio que convoca anualmente a Organización Médicos del Mundo desde finais da década dos 90. Nesta edición, o certame adicouse a Luis Valtueña, fotógrafo que perdeu a vida en Ruanda mentras participaba nun proxecto de axuda humanitaria. Neste senso, a mostra é un tributo a todas as persoas que un día decidiron que pagaba a pena cambiar o mundo. A cara dun neno etíope sobre unha parede borrosa e desenfocada afectado polo tracoma foi a imaxe que máis chamou a atención, xa que evoca o sofrimento que teñen que soportar as persoas que viven nalgunhas partes do planeta. Obra do italiano Giovanni Marrozzini, reflicte a realidade das vítimas desta enfermidade contaxiosa que afecta á visión, pero facilmente evitable cunha boa hixiene e alimentación, hábitos rutinarios na nosa sociedade desenvolvida, pero casi utópicos en países como Etiopía. Durante 2008, a exposición está de xira por varias cidades españolas. Ademais de na cidade luguesa, xa se puido visitar en Sevilla, Zaragoza, Oviedo e Madrid. No caso de Galicia, Lugo foi a primeira cidade que acolleu o traballo realizado polos cooperantes da ONG. Nesta décimo primeira edición do Certame presentáronse 542 instantáneas de 205 autores representantes de 36 países.