Deputación de Lugo

O VICEPRESIDENTE PRIMEIRO DA DEPUTACIÓN INNAUGUROU O II CONGRESO DE VETERINARIOS DE ADSG DE GALIZA

Este congreso organizado polo colexo de veterinarios de Lugo reunirá no Pazo de Feiras e Congresos aos técnicos das Asociacións de Defensa Sanitaria e Gandeira para tratar problemas que afectan directamente a estas entidades asociativas

O salón de actos do Pazo de feiras e Congresos de Lugo reuniu na xornada de hoxe a técnicos e profesionais das Asociación de Defensa Sanitaria e Gandeira de Galicia (ADSG). Este congreso foi inaugurado polo vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao. O congreso de técnicos de ADSG, organizado polo colexo de veterinarios de Lugo, chega á súa segunda edición despois do éxito acadado o ano pasado. Este encontro de profesionais, co cal colabora a vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo e a Consellería do Medio Rural, serve como foro para abordar aquelas problemáticas do sector gandeiro que se poden afrontar dende estas entidades asociativas que teñen como obxectivo a mellora dos aspectos sanitarios das explotacións gandeiras. No acto de inauguración o vicepresidente primeiro da Deputación destacou a importancia da existencia de estruturas asociativas no sector agro-gandeiro que permitan optimizar os esforzos e rentabilizar as experiencias individuais a favor do colectivo. Bao sinalou que “nestes tempos nos que a seguridade alimentaria é un dos factores decisivos á hora de introducir con éxito os produtos gandeiros na cadea alimentaria, o papel dos técnicos das ADSG é fundamental para garantir os aspectos sanitarios do proceso produtivo das explotacións”. Bao fixo referencia ao papel decisivo dos veterinarios e veterinarias que traballan nas ADSG á hora de formar e informar aos gandeiros e gandeiras sobre os aspectos técnicos e sanitarios do correspondente sector gandeiro.