Deputación de Lugo

Cestería de palla de Gran Canaria, modalidade do sétimo curso do CENTRAD

No obradoiro, que se desenvolve ata o venres, os asistentes construirán un balayo

Hoxe deu comezo no Centro de Cestería do río Rato o sétimo curso da programación de cestería do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación (CENTRAD). No obradoiro os asistentes aprenderán a técnica de espiral cosida coa que os artesáns de Gran Canaria elaboran o cesto típico desta zona das illas, o “balayo”. O artesán Carlos Fontales será o encargado de impartir esta modalidade que se caracteriza por compartir semellanzas coa cestería de Galicia. Deste xeito, os participantes do obradoiro poderán observar os contrastes que existen entre as dúas técnicas que identifican a cestería galega e a canaria. Neste caso, o material empregado será a palla a diferenza do palmito, material que empregan os artesáns de Gran Canaria para construír o “balayo”. Nos primeiros días do curso os asistentes comezarán coa identificación de materiais e ferramentas para logo pasar á elaboración do “balayo”. Consta de 20 horas de formación e desenvolverase desde o 24 ó 28 de novembro, de 16:00 a 20:00 horas. A fin de semana será a quenda da cestería de abeleira do Pirineo. Neste obradoiro, os asistentes fabricarán un cesto aranés. Será impartido polo artesán LLuis Grau e desenvolverase de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.