Deputación de Lugo

MÁIS DE 30.000.000 DE EUROS SERÁN XESTIONADOS POLOS NACIONALISTAS NA DEPUTACIÓN DE LUGO

O incremento nas axudas e os investimentos centrarán as políticas das áreas de Cultura e Deporte para o 2009

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, presentou xunto co presidente da Deputación, Xosé Ramón Besteiro, e coa deputada delegada de economía, Regina Polín, os orzamentos previstos para o vindeiro ano. No que atinxe ás áreas gobernadas polos nacionalistas, Antón Bao salientou que a inversión total se cifra nuns 30.900.000 euros dos que, aproximadamente uns 15.300.00 euros serán destinados á Área de Cultura, Deporte, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística, mentres que a vicepresidencia 3ª xestionará 15.690.000 para as área de Benestar Social, Igualdade, Xuventude e Turismo. O vicepresidente destacou a necesidade de potenciar políticas culturais nos concellos e ampliar o apoio ao tecido asociativo cultural existente en toda a provincia. O orzamento previsto para cultura cífrase nuns 4.500.000 millóns de euros, o que supón un incremento do 22% no presuposto do 2009 en relación ao exercicio anterior. Deste xeito, tal e como comentou Antón Bao, para o vindeiro ano a área de Cultura da Deputación continuará, “facendo da cultura un elemento vertebrador, achegándoa a todos os Concellos de Lugo e potenciando todo o patrimonio inmaterial existente nas distintas comarcas de Lugo”. A maiores, dende a Área de Cultura e Deporte porase especial empeño en impulsar e potenciar o uso da lingua galega en determinados ámbitos sociais, sobre todo, no seu aspecto oral. Alén disto, destacar tamén a colaboración existente coas ANPAS (Asociación de Nais e Pais de Alumnos e Alumnas) para desenvolver novos recursos educativos. A colaboración coa USC continuará sendo un dos obxectivos para para o vindeiro ano e gran parte desta colaboración materializarase a través de Lugo-Cultural. O patrimonio etnográfico e a promoción do teatro lucense son unha constante nas políticas culturais que se desenvolverán dende a Deputación. UN FORTE APOIO AO DEPORTE DE BASE Tal e como comentou Antón Bao, no 2009 continuarase fomentando o deporte como elemento de integración social e igualitario e tamén como actividade saudable destinada a toda a poboación. Ademais, outro dos obxectivos será o de impulsar o deporte de base en todos os ámbitos sociais e espazos, a área de Deportes contará cun orzamento total de 6.300.000 millóns de euros. Neste presuposto incluiranse tamén todos os gastos derivados das melloras realizadas nas infraestruturas deportivas tales como as obras de adecuación efectuadas en polideportivos (A Pobra do Brollón, Riotorto ou Monterroso), nos campos de fútbol (O Corgo, Valadouro ou Guitiriz) ou o acondicionamento do campo de fútbol de Viveiro dotándoo de céspede artificial. Nesta partida, dotada cuns 3.110.000 euros, incluiríase tamén a mellora de instalacións vinculadas á Deputación como son o Pazo de Deportes ou a Escola de Piragüismo. A PROL DA XUVENTUDE E DO TURISMO LUCENSE Por último, Antón Bao salientou a importancia do labor que levará a cabo a Vicepresidencia 3ª para promover o turismo na provincia, favorecer o desenvolvemento de actividades xuvenís e crear un maior benestar social. O orzamento previsto para esta área ascende a 15.600.000 euros. Do total do orzamento previsto para Área de Benestar Social, Igualdade, Xuventude e Turismo, uns 400.000 euros irán a parar aos concellos materializados en equipamento de atención primaria. Os festivais musicais e o equipamento dos locais de ensaio dos concellos recibirán un 158.000 euros. A implantación do Plan Director e a creación das distintas infraestruturas turísticas en toda a provincia suporán a inversión de 2.096.000 de euros. A cantidade restante distribuirase entre os gastos derivados dos hospitais San José e San Rafael entre outros.