Deputación de Lugo

A Área de Deportes da Deputación promove unha nova edición das xornadas técnicas de baloncesto que organiza a Asociación Xuvenil Sagrado Corazón

Antón Veiga avoga pola consolidación definitiva, en todos os ámbitos, do deporte estrela da cidade de Lugo, fomentando a súa práctica entre os máis novos e en todas e cada unha das comarcas lucenses

A agrupación tamén ultima os detalles da XI Edición do Campamento Deportivo Semana Santa que terá lugar do 8 ao 12 de abril en Sada (A Coruña) O delegado a Área de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, presentou este venres a IV edición das Xornadas Técnicas de Baloncesto que organiza a Asociación Xuvenil Sagrado Corazón e que terán lugar os vindeiros 6 e 7 de abril no Pazo dos Deportes da cidade das murallas. No acto tamén estiveron presentes a delegada provincial da Federación Galega de Baloncesto de Lugo, Patricia Rico López, e o director deportivo da asociación organizadora do evento, Rubén Engroba. Na súa intervención, Antonio Veiga resaltou a necesidade de fomentar e impulsar a práctica de calquera deporte dende a base, especialmente cando se trata dunha disciplina “con tanta tradición na cidade de Lugo como é o baloncesto”, asegurou. Por iso, o delegado da Área de Deporte loou o labor realizado pola Asociación Xuvenil Sagrado Corazón e puxo especial énfase en resaltar “todo o traballo desenvolvido polos irmáns Engroba nos últimos anos, unha tarefa de grande importancia para o deporte lucense”. Iniciativas coma esta, asegurou Antonio Veiga, facilitan a consolidación desta práctica deportiva en todas as comarcas lucenses, ao tempo que serven como elemento dinamizador e socializador. Para conseguir todo isto, os participantes desta última edición das Xornadas Ténicas de Baloncesto contarán cun cadro técnico “de primeira categoría”, tal e como asegurou o delegado a Área de Deportes da Deputación. Así, participarán nas actividades seleccionadores provinciais de baloncesto, seleccionadores galegos en categorías infantís e outros adestradores de recoñecido prestixio. Nesta liña, Antonio Veiga asegurou que non se pode escatimar na formación desta nova xeración de deportistas, que nun futuro se converterán nas estrelas do deporte lucense. Por iso, Antonio Veiga instou ás administracións a seguir colaborando neste tipo de iniciativas para acadar un maior e mellor desenvolvemento da práctica do baloncesto en todas e cada unha das comarcas de Lugo. Pola súa banda, a delegada da Federación Galega de Baloncesto en Lugo, Patricia López, recalcou que a posta en marcha deste tipo de proxectos precisa de “moito tempo” e dun grade “esforzo” por parte dos membros da organización. Ademais da Área de Cultura da Deputación, tamén patrocinan este evento a Concellería de Deportes do Concello de Lugo e a Consellería de Cultura e Deporte a través da Dirección Xeral para o Deporte. Unha programación ampla e variada Tal e como explicou o secretario da Asociación Xuvenil Sagrado Corazón, Rubén Engroba, o programa da IV Edición das Xornadas Técnicas de Basloncesto pretende complementar a formación que os e as deportistas lucenses reciben nos seus equipos de procedencia, ou ben, simplemente familiarizarse e/ou iniciarse na práctica do deporte do baloncesto. Todos os participantes terán entre 14 e 16 anos. A oferta formativa tamén inclúe o visionado de varios documentais, visitas dos seus ídolos ou coa posibilidade de gozar doutras instalacións deportivas e de ocio como é a piscina das Pedreiras. O prazo de inscrición nestas xornadas seguirá aberto ata o vindeiro 3 de abril e ten un custo de 10 euros. Con todo, a organización fixo público que se farán prezos especiais aos grupos e que, ademais, todos os rapaces e rapazas inscritos recibirán unha camiseta como agasallo. Así, o luns 6 de abril, ás 10:30 horas, comezarán as xornadas que se desenvolverán en horario de mañá e tarde. Os participantes terán que ir equipados con roupa de adestramento ou cun bañador, chanclas e gorro, no caso de que quixeran usar a piscina ao seu dispor. Unha alternativa para as vacacións de Semana Santa A Asociación Xuvenil Sagrado Corazón presentou tamén a XI Edición do Campamento Deportivo Semana Santa que terá lugar do 8 ao 12 de abril en Gándara (Sada, A Coruña). Esta actividade, promovida pola Área de Deporte da Deputación de Lugo entre outras administracións, está deseñada para os rapaces e rapaces nados entre os anos 1993 e 1998, ambos incluídos. Un campus de baloncesto ou de fútbol sala, karts, varias carreiras de orientación, visitas culturais, torneos e unha ampla variedade de talleres son algunhas das actividades das que poderán gozar nun espazo natural e nun ambiente distendido. O prazo de inscrición neste campamento xa está aberto e ten un custo de 110 euros, 100 euros para os antigos participantes e de 90 euros para os membros da asociación organizadora.