Deputación de Lugo

ANTÓN BAO INAUGUROU A EXPOSICIÓN MANUEL CURROS ENRÍQUEZ: NACIÓN, LIBERDADE E PROGRESO

O Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, inaugurou esta tarde a exposición Manuel Curros Enríquez: nación, liberdade e progreso, na Horta do seminario (Praza de Ramón Ferreiro) ás 20.00h. Esta mostra, que se fai en colaboración coa concellería de Cultura da Coruña, permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 28 de setembro. Enmárcase dentro das actividades coas que a Área de Cultura quere lembrar a Curros Enríquez no 100 aniversario da súa morte. Galiza rende homenaxe a Curros Enríquez no centenario do seu pasamento. A Consellaría de Cultura e Deporte e os concellos de Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago e Pontevedra organizan o programa do Centenario Curros Enríquez, no que o escritor é homenaxeado cunha serie de actividades que se desenvolverán en cidades e vilas galegas ao longo deste ano, dentro destas actividades contamos coa exposición Nación, Liberdade e Progreso. Da man da Vicepresidencia Primeiro da Deputación chega á cidade de Lugo esta exposición que recolle a vida e a traxectoria política de Curros desde o seu nacemento en Celanova até a súa morte en Cuba, porque desde a Área de Cultura consideramos que a figura de Curros Enríquez debe ser recordada e recoñecida polo país que o viu nacer. En palabras do Vicepresidente Primeiro, Antón Bao: “ Desde a Área de Cultura queremos promocionar e dar a coñecer a figura de Curros Enríquez, non somentes na súa faceta literaria senón tamén resaltar a importancia da súa figura como galeguista e defensor dos dereitos de Galiza, que hoxe en día debemos preservar e potenciar para conducir este país cara a modernidade” A mostra consta de varios paneis onde se amosa ao Curros Enríquez que chegou a ser un símbolo para o país. Cantor da liberdade e do progreso, fustigador do caciquismo e do clericalismo, denunciante da explotación do home polo home, Curros converteuse no poeta cívico da Galiza. A súa poesía belixerante cos poderosos, insensíbeis ao sofremento dos labregos, tamén aparece reflectida na mostra. Os paneis van desde o Curros neno en Celanova ata a súa morte en Cuba, o posterior traslado do seu corpo para que repousara no noso país e, finalmente, o enterro no cemiterio coruñés, nunha xornada de multitudinario loito popular, o 2 de abril de 1908. Levan por nome: Manuel Curros Enríquez: nación, liberdade e progreso; Camiño de Celanova, onde é máis tépedo o vento; O Mundo en servidume sumerxido; Falareilles da patria aos desterrados; A pauliña saíu que escomulga; A terra deixa onde infelis naceu; O regreso a Galiza en 1904; Alba de gloria para o oprimido mundo; e Inda ao morrer te mentarán meus beizos.